Recta final das obras na EP-9302, en Meaño, que transformarán o trazado en Broullón e Aldea de Abaixo

A Deputación inviste preto de 300.000 euros nestes traballos para dotar a estrada de zonas de convivencia con preferencia peonil e pór en valor a contorna da capela das Angustias

16/03/2023

Visita obras EP-9302 Broullón Meaño

Avanzan a bo ritmo as obras que a Deputación de Pontevedra está a acometer en Meaño nos núcleos de Broullón (Xil) e Aldea de Abaixo (Covas) no marco da mellora da mobilidade sostible e segura na EP-9302. Trátase dunha actuación valorada en 376.000 € dos que a institución provincial achega o 70% –263.000 €– e o Concello o 30% restante –113.000 €– para dotar esta infraestrutura de zonas de convivencia que permitan unha maior seguridade no tránsito peonil. O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, a deputada Raquel Giráldez e o alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, achegáronse hoxe ata Covas para supervisar os traballos practicamente rematados xa no treito de Aldea de Abaixo e moi avanzados tamén na parte de Broullón.

As obras afectan un total de 340 metros: 190 metros en Broullón e 150 metros en Aldea de Abaixo. A calzada tiña un ancho irregular cun máximo de cinco metros, carecía de beirarrúas ou beiravías, e transcorría confinada entre casas e muros de peche. Con esta actuación da Deputación, estes dous tramos da estrada contarán con zonas de convivencia, concretamente plataformas únicas con prioridade peonil, sobreelevadas 10 centímetros e sinalizadas para o calmado do tráfico. No núcleo de Broullón, a actuación contempla a posta en valor do patrimonio na contorna da capela das Angustias. Nesta zona empregouse un pavimento de lousa de granito gris que permite dar continuidade á contorna patrimonial do adro.

Así mesmo, no marco do proxecto tamén se eliminaron as redes aéreas de iluminación, telefonía e electricidade, soterrando todas as conducións. A nova rede de alumeado conta con luminarias LED de 70 vatios e máis respectuosas co medio ambiente sobre columnas, mentres que na zona da igrexa óptase por farois de fachada. Ademais, a obra inclúe a mellora da drenaxe das augas pluviais e a execución dunha rede de colectores de PVC de 400 milímetros de diámetro, de sumidoiros en ambas marxes e dun pozo de rexistro central.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.