Luis López anuncia o investimento de preto de 1,3 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria na estrada provincial EP-9302 Xil-As Covas-Barrantes, en Meaño e Ribadumia

As obras desenvolveranse na totalidade da estrada, de preto de 6 km de lonxitude, na que se procederá á reposición do firme e á mellora da drenaxe e sinalización

29/11/2024

Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe a aprobación do proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-9302 Xil-As Covas-Barrantes, que discorre polos concellos de Meaño e Ribadumia, cun investimento total de preto de 1,3 millóns de euros. “Nesta estrada é necesario proceder a reposición do firme e mellorar a drenaxe e sinalización, a fin de salvagardar a debida prestación do servizo público viario e de mellorar a seguridade viaria”, explicou o presidente provincial.

Desta maneira, as obras inclúen a limpeza de ambas marxe e cunetas, o saneamento dos firmes, a mellora da drenaxe lonxitudinal, a execución de redutores físico da velocidade e operacións complementarias de reposición da sinalización vertical e horizontal afectada, dando así restitución de un correcto servizo para todo o viario. 

A actuación enmárcase dentro dos traballos que a Deputación de Pontevedra está a executar nos 1.700 quilómetros de estradas de titularidade provincial, “co obxectivo de que estean en óptimas condicións para garantir a seguridade das nosas veciñas e veciños”, como explicou o presidente Luis López.

videos

audios