A Deputación adxudica por 1,1 millóns de euros as obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-9302 Xil-As Covas-Barrantes, en Meaño e Ribadumia

Os traballos desenvolveranse na totalidade da estrada, de preto de 6 quilómetros de lonxitude, e consistirán na reposición do firme e na mellora da drenaxe e da sinalización

21/03/2025

Rafa Domínguez

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou hoxe a adxudicación das obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-9302 Xil-As Covas-Barrantes, que discorre polos concellos de Meaño e Ribadumia, por algo máis de 1,1 millóns de euros. “Avanzamos así no noso compromiso coas estradas provinciais, para garantir o seu óptimo estado e, con isto, a seguridade das nosas veciñas e veciños, de todos os que empregamos estas vías indispensables na vertebración do noso territorio”, explicou Rafa Domínguez.

En concreto, os traballos que agora se adxudican céntranse na reposición do firme e a mellora da drenaxe e sinalización, a fin de salvagardar a debida prestación do servizo público viario e de mellorar a seguridade viaria na totalidade de estrada, de preto de 6 quilómetros de lonxitude.

As obras inclúen a limpeza de ambas marxes e cunetas, o saneamento dos firmes, a mellora da drenaxe lonxitudinal, a execución de redutores físicos da velocidade e diversas operacións complementarias de reposición da sinalización vertical e horizontal afectada.