Comezan as actuacións da mellora da mobilidade peonil na EP-9302 nos núcleos de Broullón e da Aldea de Abaixo, en Meaño

O proxecto, cun orzamento de máis de 286.000 euros, servirá para crear plataformas de prioridade peonil e calmar o tráfico á vez que se reforza o carácter patrimonial da contorna da capela das Angustias

17/10/2022

Visita Meaño

As obras de mellora da mobilidade peonil na  estrada provincial EP-9302 entre os núcleos de Broullón e Aldea de Abaixo, en Meaño, acaban de dar comezo tal e como puideron comprobar hoxe o deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde de Meaño, Carlos Viéitez. As actuacións están enmarcadas no modelo de mobilidade amable, sostible e segura que promulga a Deputación e teñen un orzamento de 286.000, financiados pola institución provincial nun 70% (200.200 euros) mentres que o Concello aporta o 30% restante.

Tralas actuacións previstas os núcleos rurais de Broullón (Xil) e Aldea de Abaixo (Covas) contarán con plataformas únicas sobreelevadas 10 centímetros nas que a prioridade será das e dos peóns e estarán correctamente sinalizadas para o calmado de tráfico. Neste senso, instalaranse bordos transversais de pedra gris cada 14 centímetros. Ademais, na contorna da capela das Angustias, en Broullón, empregarase un pavimento de lousa de granito gris para dar continuidade á contorna patrimonial do adro do recinto relixioso. A nova sinalización horizontal e vertical limitará a velocidade para garantir a seguridade.

A maiores, o proxecto comprende a eliminación das redes aéreas de iluminación, telefonía e electricidade ao soterrar todas as conducións. Ademais, a nova rede contará con luminarias LED -máis respectuosas co medio ambiente- sobre columnas e, na zona da igrexa, con farois de fachada. A obra complétase cunha actuación para a drenaxe das augas pluviais unha rede de colectores, sumidoiros en ambas marxes e un pozo de rexistro central.

Galerias de imaxes