A Deputación inviste case 145.000 euros en reforzar a seguridade das estradas provinciais coa instalación de barreiras de contención

As actuacións mellorarán vías provinciais de Vilagarcía de Arousa, Ribadumia, Meis, Meaño, Sanxenxo, Cambados e Vilaboa

25/08/2022

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente de contratación para a mellora da seguridade viaria en 11 estradas provinciais mediante a instalación de barreiras de seguridade. As actuacións teñen un orzamento de 144.240 euros e levaranse a cabo en viarios de sete concellos: Vilagarcía de Arousa, Ribadumia, Meis, Meaño, Sanxenxo, Cambados e Vilaboa. E a súa execución cumprirá cos criterios establecidos pola Deputación de Pontevedra no seu modelo de mobilidade amable, segura e sostible.

O departamento provincial de Infraestruturas, no marco da súa revisión ordinaria de tódalas estradas provinciais co obxectivo de detectar riscos para a seguridade viaria, decidiu a conveniencia de protexer con barreiras lonxitudinais, de tipo bionda, as marxes destas estradas e minimizar así as consecuencias de posibles accidentes por saída de vía. As obras, ademais da protección das curvas, inclúen a retirada das barreiras antigas que existen nalgúns puntos do trazado, así como a reciclaxe de tódolos materiais empregados. Os novos elementos de protección, adaptados á normativa actual, proporcionarán un adecuado nivel de contención aos vehículos, minimizando danos e lesións para as persoas ocupantes e o resto de usuarios da estrada, así como outras persoas ou obxectos situados nas proximidades.

Máis polo miúdo, instalaranse barreiras de seguridade nunha estrada de Vilagarcía, na EP-9601 Vilagarcía - Cea - Castrogundín; así como noutra de Ribadumia, a EP-9511 Cabanelas - Pontearnelas. Tamén se actuará en dúas estradas de Meis, a EP-9406 Galles - A Armenteira e a EP-9403 Santo Tomé - San Salvador; outras dúas de Meaño, a EP-9302 Xil - Cobas - Barrantes e a EP-9301 Dena - Couto De Abaixo; así como en dúas estradas de Sanxenxo, a EP-9202 Nanín - Igrexa De Bordóns e a EP-9201 Sanxenxo - Bordóns - E.Samieira. A Deputación tamén instalará barreiras de seguridade nunha estrada provincial de Cambados, a EP-9001 Castrelo - Couto De Abaixo; e en dúas de Vilaboa, a EP-0103 N.550 - Lago Castiñeiras e a EP-0101 Postemirón - Acuña.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.