A Deputación axiliza a mellora da mobilidade peonil na EP-9302 en Broullón e Aldea de Abaixo, en Meaño
O Goberno provincial adxudica as obras, que permitirán crear espazos para camiñar de forma segura e cómoda para a veciñanza, cun investimento de 346.046€
14/08/2022
O Goberno da Deputación vén de adxudicar as obras de mellora da mobilidade peonil na EP9302 en Broullón e Aldea de Abaixo, no Concello de Meaño, por un orzamento de 346.046€. Estes traballos, que seguen o modelo de mobilidade sostible e segura da Deputación e fináncianse a través dun convenio co Concello no que a institución provincial aporta o 70% do custe e a municipal o 30% restante, van supoñer un importante cambio para a veciñanza desta zona en forma de espazos para camiñar de forma segura e cómoda.
En concreto, en Broullón (Xil) actuarase nun tramo de 19o metros (entre os pq 0+780 e 0+979), mentres que en Aldea de Abaixo (Covas) será nun treito de 150 metros (entre os pq 2+400 e 2+550). Estes núcleos, que agora contan con calzadas asfaltadas de ancho irregular e carecen de beirarrúas, pasarán a contar con plataformas únicas sobreelevadas e sinalizadas para o calmado de tráfico e remarcar a prioridade peonil. Serán pavimentos de formigón e cada 14 metros disporán de bordos transversais de pedra gris. Na contorna da capela das Angustias, en Broullón, empregarase un pavimento de lousa de granito gris para dar continuidade ao tratamento patrimonial do adro do recinto relixioso.
As obras contemplan tamén a disposición de nova sinalización horizontal e vertical para limitar a velocidade dos vehículos a fin de garantir a seguridade. A maiores, soterraranse as redes aéreas de iluminación, telefonía e electricidade e a nova rede de iluminación contará con luminarias led, máis respectuosas co medio ambiente, sobre columnas e, na zona da igrexa, con farois de fachada. A obra complétase cunha actuación de drenaxe das pluviais cunha rede de colectores, sumidoiros en ambas marxes e un pozo de rexistro central.
Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de data 17 de xuño de 2017), polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019) e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).