A Deputación aproba o proxecto de mobilidade peonil na EP-9302 nos núcleos de Broullón e da Aldea de Abaixo, en Meaño

As obras están financiadas pola institución provincial e o concello e con elas crearanse plataformas de prioridade peonil, eliminaranse as redes aéreas e actuarase na drenaxe das augas pluviais

01/04/2022

O modelo de mobilidade amable e segura da Deputación continúa a espallarse por todos os recunchos da provincia trala aprobación, en Xunta de Goberno, do proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-9302 na contorna dos núcleos de Broullón e da Aldea de Abaixo, en Meaño. As obras teñen un orzamento de 375.468 euros financiado pola Deputación con 262.828 euros (70%) e o concello con 112.640 euros (30%), fondos que están destinados a mellorar a funcionalidade desta vía e a súa seguridade, tanto para o tráfico peonil como para o rodado.

Con estas obras, os núcleos rurais de Broullón (Xil) e Aldea de Abaixo (Covas) pasarán de contar con calzadas de ancho irregular e de carecer de beirarrúas e beiravías a ter plataformas únicas sobreelevadas de 10 centímetros nas que a prioridade será das e dos peóns. Estas zonas de convivencia estarán construídas en formigón e o novo pavimento intercalará cada 14 metros un bordo transversal de pedra natural gris de 30 centímetros de ancho. Ademais, na contorna da capela das Angustias, en Broullón, empregarase un pavimento de lousa de granito gris para dar continuidade á contorna patrimonial do adro do recinto relixioso. Todas estas actuacións destinadas á preferencia peonil reforzaranse con sinalización horizontal e vertical necesaria para limitar a velocidade.

A maiores, as actuacións comprenden a eliminación das redes aéreas de iluminación, telefonía e electricidade ao soterrar todas as conducións. Ademais, a nova rede de iluminación contará con luminarias LED -máis respectuosas co medio ambiente- sobre columnas e, na zona da igrexa, con farois de fachada. A obra complétase cunha completa actuación para a drenaxe das augas pluviais cunha rede de colectores, sumidoiros en ambas marxes e un pozo de rexistro central.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.