Roi Casal actúa este domingo en Campo Lameiro ao abeiro do programa da Deputación “Musigal”
O intérprete e compositor ofrecerá un concerto no marco da programación da XII Festa d@s Moz@s
02/09/2023
Roi Casal actuará este domingo 3 de setembro, ás 19:00 horas, cun concerto na praza do Concello de Campo Lameiro ao abeiro do programa da Deputación de Pontevedra “Musigal”. A actuación enmárcase dentro da programación da XII Festa d@s Moz@s e nela poderanse escoitar temas novos inéditos do artista, así como grandes éxitos da súa carreira.
Roi Casal naceu en Catoira en 1980 e, con catro discos editados, converteuse nun dos grandes expoñentes da música galega actual a nivel internacional. Varios dos seus traballos foron aclamados pola crítica especializada e acadaron o número 1 en vendas en Galicia. As súas xiras chegaron ao Xapón, á Arxentina, aos Estados Unidos, a Suíza, a Uruguai, a Portugal, ao Brasil ou a Cuba. En 2016 estrea no Gran Teatro da Habana Son galego, son cubano, un ambicioso proxecto internacional, por encargo do Instituto Cubano de la Música.