Familia Caamagno actúa este domingo en Ponteareas ao abeiro do programa da Deputación “Musigal”

A banda de rock ofrecerá un concerto na praza de Bugallal ás 23:50 horas no marco da programación da Festa da Virxe da Nosa Señora dos Remedios

09/09/2023

A banda de rock Familia Caamagno actuará este domingo 10 de setembro, ás 23:50 horas, na praza de Bugallal de Pontareas ao abeiro do programa da Deputación de Pontevedra “Musigal”. Na actuación, que se enmarca dentro da programación da Festa da Virxe da Nosa Señora dos Remedios, poderá desfrutarse dos temas do seu último traballo, ‘O mundo está derrotado’, así como das cancións máis coñecidas da súa traxectoria.

O grupo, que acadou o Premio Martín Códax da Música en 2022 na categoría rock, naceu en Sigüeiro (Oroso) no ano 2012, cando editou os seus dous primeiros traballos e conseguiu facerse un oco na axenda musical galega grazas ás aparicións mediáticas e a resposta da crítica. O seu último traballo mantén os sons orixinais da banda (inspiración da década dos anos 60, guitarra rítmica moi marcada, guitarra de punteo ou melodías vocais e coros traballados), á vez que busca atopar un son máis contemporáneo e pop. Para iso, os membros de Familia Caamagno (Toni, Lano, Francesco, Jess e Manuele Caamagno) mesturan letras en galego aderezadas con humor a través de oito temas que comezan cunha reinterpretación da canción dos anos 90 ‘Xuntos’, de Juan Pardo.

O programa “Musigal” é unha iniciativa cultural da Deputación de Pontevedra que ten por obxectivo apoiar a difusión e a promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia á vez que fomenta o uso e a normalización social da lingua.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.