O concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre en Rodeiro pecha o sábado a programación de Musigal 2023

A actuación terá lugar ás 21:30 horas na avenida Gumersindo Areán do concello

20/10/2023

O programa Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para difundir e promover a música galega e en galego nos concellos da provincia, pecha este sábado 21 de outubro a súa edición deste 2023 co concerto en Rodeiro de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. A actuación comezará a partir das 21:30 horas na avenida Gumersindo Areán do concello.

En Rodeiro, Xabier Díaz presentará, en compañía das Adufeiras de Salitre, o seu terceiro álbum conxunto, As catedrais silenciadas, que culmina un proceso que comezou en 2015 no que o elemento diferencial é o conxunto de mulleres vocalistas e percusionistas. Trátase dun álbum que actualiza diferentes tipos de formas musicais, coma pasodobres, xotas, alalás, ribeiranas ou muiñeiras, e foi galardoado co Premio Martín Codax na categoría de música tradicional en 2020. Ademais, figurou tres meses consecutivos entre os dez álbums máis destacados do World Music Charts Europe e tivo entrada na sección dos mellores do mundo na prestixiosa revista Songlines, na que as e os editores escollen os 10 mellores discos de cada mes en todo o mundo.

Cunha traxectoria de case 40 anos na música, Xabier Díaz (A Coruña, 1969) tamén atesoura unha intensa actividade docente en asociacións e certames. Formou parte de Berrogüetto entre 2008 e 2014 e, paralelamente, participou xunto a Guadi Galego, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández no proxecto aCadaCantos. As composicións de Xabier Díaz, en moitos casos, parten do traballo de investigación, no que escoita as cancións das mulleres no rural e lles dá o seu estilo. Recibiu numerosos premios polo seu traballo, coma o da Música Independente ao mellor álbum en galego en 2016, e actuou en numerosos países de Europa, África e América.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.