Laroá actúa este sábado na Guarda ao abeiro do programa da Deputación “Musigal”

O concerto comezará a partir das 22:30 horas na praza do Reló

28/09/2023

Laroa

A fusión de música tradicional, jazz e ritmos tradicionais da península ibérica chegará o 30 de setembro ao concello da Guarda da man da Deputación de Pontevedra co grupo Laroá. Despois de ter que adiar a súa data inicial por mor da choiva, a actuación terá lugar finalmente este sábado, 30 de setembro, a partir das 22:30 horas na céntrica praza do Reló. O concerto enmárcase no programa cultural “Musigal”, posto en marcha pola Deputación e ten como finalidade, por unha banda, contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e, pola outra banda, fomentar o uso e a normalización social da lingua.

Laroá naceu en 2016 froito da inquedanza de seis músicas e músicos de diferentes estilos e ampla traxectoria, que parten na súa maioría das influenzas da música lusófona e de raíz para explorar novos horizontes musicais nunha proposta chea de variedade. A sonoridade que os define parte dun amplo abano de instrumentos e instrumentistas que recollen pintadas mediterráneas, latinas, jazzísticas e tradicionais.

O grupo, que reinterpreta estes estilos cunha música chea de matices e ambientes, está formado por Madalena Gamalho e Sandra Lima (voces), Roso Marinello (saxos e clarinete baixo), Rafa Morales (baixo eléctrico), Antonio “Monano” (teclado), Miguel Fraguas (percusión, gaita e whistle) e Franc Gorriz (batería e percusión). As e os seus integrantes proceden de Galicia, Cataluña, Portugal, Francia, Holanda e Estados Unidos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.