A Banda da Balbina actúa este domingo en Oia ao abeiro do programa “Musigal” da Deputación

O grupo ofrecerá un concerto ás 20 horas na eira do convento, a carón do mosteiro, no marco da programación das Festas de San Cosme e San Damián

23/09/2023

O grupo A Banda da Balbina actuará este domingo 24 de setembro, ás 20 horas, na eira do convento, a carón do mosteiro de Oia, no marco do programa da Deputación de Pontevedra “Musigal”. Na actuación, que se inclúe dentro da programación das Festas de San Cosme e San Damián, a agrupación amosará unha proposta que mestura ritmo e melodía coa musicalidade da lingua galega.

Como sinalan as e os seus integrantes, se hai algo que define o grupo é que “cantamos e contamos historias, historias que son nosas e comúns nas catro provincias”. A banda naceu en 2008 coa difusión de Estomballada, a súa primeira canción, que pasou a formar parte do repertorio de orquestras galegas. Tras o premio conseguido por O fillo do mar, na Radio Galega, o grupo iniciou a súa andaina polas festas con concertos en toda Galicia, sempre con música en galego. En 2016 gañou o Premio Martín Códax da Música polo traballo Convertendo cuncas en ferrados, na categoría reggae/ska/mestizaxe.

O programa “Musigal” é unha iniciativa cultural da Deputación de Pontevedra que ten por obxectivo apoiar a difusión e a promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia, á vez que fomenta o uso e a normalización da lingua.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.