Mondariz-Balneario acolle este sábado 29 o concerto de Santana Swing ao abeiro do programa da Deputación Musigal

Na actuación, que terá lugar ás 22:00 horas, a artista fai un percorrido polas cancións das mulleres máis relevantes da historia do jazz e presenta composicións propias

28/07/2023

O son do jazz soará esta última fin de semana de xullo en Mondariz-Balneario a través da actuación de Santana Swing, enmarcada no programa “Musigal”, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia. O concerto terá lugar este sábado 29, a partir das 22 horas, nos xardíns do Gran Hotel da vila.

Nesta actuación, a artista Ariadna Santana fará un percorrido polas cancións das mulleres máis relevantes na historia do jazz e presentará algunha das súas composicións propias. Para isto, Santana Swing trasladará o público asistente ás salas de festa de principios do século xx e incorporará músicos influenciados por Django Reinhardt e polas correntes do jazz e da improvisación.