Leilía chega a Ponte Caldelas no marco do programa “Musigal” da Deputación de Pontevedra

O concerto celébrase o domingo 27 de agosto na Alameda de Ponte Caldelas como parte da xira coa que a formación se despide dos escenarios

26/08/2023

Musigal - Leilía

O grupo Leilía tocará o domingo 27 de agosto, ás 21:00 horas, na Alameda de Ponte Caldelas dentro do programa “Musigal” da Deputación de Pontevedra. A través desta iniciativa, a institución provincial busca difundir e promover a música galega e en galego nos concellos da provincia, e fomentar o uso e a dinamización da lingua entre a cidadanía.

Con máis de trinta anos como agrupación, Leilía despídese dos escenarios na que será a súa derradeira xira. O concerto en Ponte Caldelas será unha das últimas paradas do camiño que comezou o grupo, que conseguiu transformar o panorama da música galega tradicional. A través das melodías, da evolución sonora e dos cambios na escenografía, Leilía fará un percorrido por toda a súa traxectoria profesional, desde os seus inicios ata os últimos anos, co seu espectáculo CantarElas.

Leilía nace en 1989 da man de seis mulleres que se xuntan para recuperar a tradición oral galega. A súa discografía é un reflexo da evolución do grupo. Co seu primeiro disco, Leilía, dan a coñecer as pezas tradicionais para, no seguinte, I é verdade i é mentira, incorporar novas polifonías e instrumentos máis modernos que lle dan continuidade ao pasado a través do presente. Estas achegas acentúanse en Madama, con letras de temática actual. Os seus temas xuntáronse en dous lanzamentos conmemorativos, Son de Leilía, polo 15.º aniversario, e CantarElas, en honor aos trinta anos da formación.

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 23 resultados.