A Gramola Gominola actúa este domingo en Pazos de Borbén dentro do programa “Musigal”
A praza do Concello será o escenario do “rock & roll” da banda grazas á iniciativa da Deputación para achegar a música galega e en galego e fomentar o uso da lingua
26/08/2023
A Gramola Gominola chega o domingo 27 de agosto ao concello de Pazos de Borbén ao son do rock & roll e da man da Deputación de Pontevedra. A banda de rock infantil actuará ás 19:00 horas na praza do Concello no marco do programa “Musigal”, que busca contribuír e promover a música galega e en galego nos concellos da provincia e fomentar o uso e a normalización social da lingua.
O grupo musical composto por Paco Cerdeira (guitarra e voz), Paula Romero (voz), Anxelo de Xermar (baixo) e Rodrigo Muñoz (batería) tocará algúns dos seus temas máis coñecidos, coma He Ho Let’s Go, Carmela, non hai coma ela! ou Campión internacional. Formada en 2013, A Gramola Gominola conta con recoñecementos coma o Premio Martín Códax da Música 2018 ao mellor grupo infantil.
Actualmente a banda ten publicados tres libro-CD: A Gramola Gominola, que serve como viaxe pola música contemporánea con ritmos de blues, country, rock, pop, punk, reggae, heavy metal e ska; Música para desafinar, cun estilo máis orientado ao rock & roll en galego; e Bravas. O rexurdir da luz, que ten como protagonistas unhas superheroínas que tratan de cambiar o mundo cos seus poderes para enfrontarse ao abuso escolar, defender o galego, protexer a natureza e darlles visibilidade ás emocións.