A orquestra folk SonDeSeu actúa este sábado en Salvaterra de Miño no marco do programa “Musigal”
A formación tocará no recinto amurallado a partir das 23 horas no marco da LXIV edición da Festa do Viño do Condado do Tea
24/08/2023
A música folk contemporánea da orquestra folk SonDeSeu soará entre os muros da fortaleza de Salvaterra de Miño este sábado 26 de agosto a partir das 23 horas. O concerto, que forma parte do programa “Musigal” da Deputación de Pontevedra, celebrarase durante a Festa do Viño do Condado do Tea, que este ano chega á súa LXIV edición. A través de “Musigal”, a institución provincial impulsa un calendario de actuacións musicais por todo o territorio provincial co fin de promover a música galega e en galego e fomentar o uso da nosa lingua entre a poboación.
Os concertos de SonDeSeu son unha celebración da recuperación do patrimonio oral e da súa integración na modernidade urbana, e neles o público toma unha parte moi activa. O seu espectáculo está composto por un repertorio de composicións realizadas por Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Rodrigo Romaní ou Xosé Liz, e de obras creadas por outros autores coma Xosé Lois Romero, Pedro Lamas ou Quico Comesaña.
Integrada por gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada, a agrupación musical comezou a súa andaina en 2001 no seo do antigo Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo (a actual ETRAD). Con cinco publicacións discográficas ás súas costas, SonDeSeu aposta polo valor da música de raíz e considérase un referente da música galega no panorama internacional.