O III Encontro Nacional de Políticas Públicas da Escola María Vinyals abordará o poder das mulleres nas distintas esferas de liderado
Expertas en poder público de todo o Estado reuniranse no Castelo de Soutomaior os próximos mércores e xoves na cita anual da Escola da Deputación
23/03/2023
Quince potentes referentes femininas como Inés Alberdi, Marina Subirats, Teresa Peramato, Beatriz Gimeno ou Nuria Varela e Ana Pardo de Vera entre outras, e nove horas de debate sobre “como as mulleres están exercendo o poder en distintos ámbitos de liderado”. Este é o ambicioso programa do III Encontro Nacional de Políticas Públicas organizado pola Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación e coordinado como cada ano pola doutora e referente feminista Rosa Cobo. A cita será de novo no Castelo de Soutomaior os días 29 e 30, mércores e xoves da próxima semana. Na presentación desta nova iniciativa da única Escola de Igualdade en Galicia a presidenta provincial, Carmela Silva, destacou que “vai ser unha potente xornada, con recoñecidas expertas a nivel galego e estatal, na que faremos un repaso de onde estamos e onde queremos estar en todo o que ten que ver co poder nos distintos sectores da sociedade”.
Esta terceira edición do simposio, coordinada –en palabras da presidenta- por “unha das grandes sabias do feminismo”, a profesora da Universidade da Coruña Rosa Cobo, analizará, “cal é a verdadeira situación que estamos a ocupar as mulleres nos centros de decisión política e de comunicación do noso país”. Deste xeito abordarase de xeito pormenorizado en varias mesas e conferencias este papel no ámbito autonómico, nas deputacións, nos concellos, no Parlamento, nos medios de comunicación e no poder xudicial. “Queremos ver os avances logrados e tamén de forma particular os retos de futuro, que temos moitos –subliñou Carmela Silva-. Imos testar amais como se están materializando as decisións políticas da man de mulleres que están a participar no poder estatal, autonómico e local, amais de expertas xuristas especializadas en igualdade, mulleres dos medios e voceiras do movemento feminista”. A presidenta incidiu nas traxectorias de todas as participantes e subliñou que o congreso vai dar voz a todas as ideoloxías: “Son mulleres que representan aos diversos grupos porque temos que escoitar todas as voces; non podemos facer sectarismo en cuestións de igualdade”. O congreso será presencial e retransmitirase tamén por streaming, e as persoas interesadas poden inscribirse xa no formulario que atoparán na páxina web da Deputación (www.depo.gal).
Programa
O Encontro arrancará o mércores 29 de marzo coa apertura e a conferencia inaugural a cargo de Inés Alberdi (10.15h), socióloga e catedrática de universidade e a última directora executiva do Fondo das Nacións Unidas para as Mulleres (UNIFEM) antes da súa fusión en ONU Mulleres.
Seguiralle a primeira mesa, moderada pola veterana xornalista da Cadena SER en Galicia, Aida Pena, sobre Poder executivo autonómico. Deputacións, con Nuria Varela, actual directora xeral de Igualdade do Principado de Asturias e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra.
A continuación, o Poder executivo nos Concellos centrará a segunda das mesas, “con tres mulleres pioneiras, concelleiras e cunha longa traxectoria no movemento feminista”, como destacou a presidenta. Elas son Rosa Gómez Limia, que foi a primeira deputada de esquerdas no Parlamento galego; Encarna Otero, historiadora e política nacionalista galega e feminista, e Marta Lois, doutora en Ciencia Política e ex concelleira de Igualdade e Promoción Económica en Santiago. A mesa estará moderada por Carolina Sertal, periodista do Faro de Vigo.
Pola tarde, ás 16.30h será a quenda da conferencia de Marina Subirats, recoñecida experta en temas de educación e xénero, catedrática emérita da Universidade Autónoma de Barcelona e ex directora do Instituto da Muller, quen será presentada por María Díaz, de Radio Vigo. Ás 17.30h arrancará a mesa Poder executivo. Parlamento, moderada pola xornalista de Diario de Pontevedra Alba Moledo, coa participación de Laura Berja, psicóloga e deputada do PSOE no Congreso, no que é voceira en Igualdade, Marta González, coordinadora da área social no Grupo Parlamentario Popular no Congreso; e Beatriz Gimeno, licenciada en Filoloxía Semítica, ex directora do Instituto das Mulleres e deputada na Asemblea de Madrid por Unidas Podemos.
A segunda xornada, o xoves 30 de marzo, comezará ás 10 horas coa mesa, moderada por Guada Guerra de Podcast Cíes, sobre Medios de Comunicación, na que intervirán Ana Pardo de Vera, directora corporativa e de Relacións Institucionais de Público, e Isabel Valdés, xornalista especializada en feminismo e correspondente de xénero do xornal El País. O Poder Xudicial centrará ás 11.15h a última, moderada por Irene Bascoy subdirectora de Faro de Vigo, e na que participarán Teresa Peramato, Fiscal de Sala contra a Violencia sobre a Muller e Cira García, maxistrada-xuíza do Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Albacete, único Xulgado con competencias exclusivas na materia na Comunidade de Castela A Mancha. O Encontro pecharase cun diálogo entre Marina Subirats e a coordinadora Rosa Cobo, coa lectura das conclusións.