O III Encontro Nacional de Políticas Públicas reivindica “ferramentas para que as mulleres poidamos acceder á metade do ceo”

Carmela Silva: “Estes días aumentamos as redes de mulleres c0nectadas. Encontros como este fannos sentir poderosas e dannos forza para continuar neste camiño”

30/03/2023

III Encontro Nacional Políticas Públicas. Clausura_1

Tras dous días de debate nos que participaron 14 mulleres profesionais de eidos como a política (desde o nivel estatal ata o autonómico, provincial e municipal), os medios de comunicación e a xustiza, o Castelo de Soutomaior acolleu este xoves a segunda e última sesión do III Encontro Nacional de Políticas Públicas organizado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro da Escola de Igualdade María Vinyals. A coordinadora do encontro, Rosa Cobo, e a socióloga Marina Subirats ofreceron as conclusións das xornadas, ás que asistiu a presidenta Carmela Silva e nas que tamén se abordaron cuestións da axenda feminista de máxima actualidade como son as agresións sexuais, o machismo na pornografía e os ventres de alugueiro. As xornadas tamén se puideron seguir por streaming, onde o conxunto das retransmisións en Twitter e YouTube foron seguidas por máis de 2.000 persoas entre o mércores e o xoves.

Durante o tempo de conclusións, a coordinadora Rosa Cobo lembrou que as xornadas se concibiron como “plurais ideoloxicamente pero homoxéneas no feminismo, e interxeracionais” e salientou o papel da Deputación como “o gran referente da igualdade en Galicia”. Cobo asegurou que “foron unha radiografía da sociedade na que vivimos” e salientou como a idea da paridade foi común a todas as mesas, coa conclusión de que “cando as mulleres temos que entrar nun espazo de dirección a través de eleccións somos maioría, pero cando entramos a través da cooptación –que un varón nos dea espazo– somos minoría”. Remarcou que “o poder é un club masculino ao que é moi difícil acceder” e avogou pola “necesidade de políticas públicas para que quen se apropiaron do poder o compartan non ao 60-40%, senón ao 50%”. En canto ás temáticas abordadas no encontro subliñou que no marco da política as mulleres “non queremos estar nas listas senón facer as listas”, nos medios de comunicación é preciso que a perspectiva feminista sexa transversal e, no eido da xustiza, “estamos fartas de que as leis falan de ‘aconséllase’ e ‘promóvese’: chegou o momento de que o poder político se dote de ferramentas que obriguen a que as mulleres poidamos acceder á metade do ceo”.

Durante o tempo de conclusións, a socióloga Marina Subirats asegurou que “temos o diagnóstico case feito e sabemos o que acontece”, pero “non somos suficientes, temos un teito e iso esixe estratexias colectivas para cambiar gran parte dunha sociedade que nos rexeita e ignora”. Subirats destacou que unha boa estratexia é a paridade, pero reinventada xa que “xurdiu como unha idea cuantitativa, e agora debe enfocar o cambio cultural profundo”, e advertiu que “os cambios legais fanse efectivos no cuantitativo pero non no cualitativo”.

A presidenta Carmela Silva asegurou que “estes días ocorreu algo de moito valor”, xa que “aumentamos as redes de mulleres conectadas: unha rede de afectos que nace da militancia no feminismo” e que “ten un valor inmenso, porque moitas veces sentimos certa soidade fronte a un mundo cruel contra as mulleres, pero máis cruel aínda contra as mulleres feministas, que sufrimos ataques e deslexitimacións de todo tipo”. Estes encontros, asegurou a presidenta, “fannos sentirnos poderosas; iso dános forza para continuar neste camiño e ademais temos mulleres que nos seguen poñendo deberes”, mulleres “como Rosa Cobo e todas as conferenciantes” que son “imprescindibles”.

Medios de comunicación e poder xudicial

A xornalista Guada Guerra coordinou a mesa sobre medios de comunicación na que interviron a directora corporativa e de Relacións Institucionais de Público, Ana Pardo de Vera, e a correspondente de xénero de El País, Isabel Valdés Aragonés. Ana Pardo de Vera defendeu que “as mulleres fan un traballo moi importante e nunca recoñecido nas cúpulas directivas”, un teito “aínda non roto xa que só un 20% están nos equipos directivos e nos grandes grupos os consellos de administración seguen sendo un campo de nabos”. Por iso asegurou que “nunha situación de privilexio temos o deber de ir abrindo camiño como sexa” e apelou ás “políticas públicas, porque os protocolos non abondan”.

Isabel Valdés defendeu a necesidade de “penalizar dalgún xeito o nesgo machista nos medios de comunicación”. A xornalista fixo un percorrido polas trabas que atopan as mulleres para ir ascendendo nas xerarquías dos medios de comunicación, entre os que salientou que nos espazos de poder establecidos, “maioritariamente masculinos, hai resistencias para dar cabida a mulleres, sobre todo ás novas”. Tamén salientou a síndrome da impostora, a maternidade que penaliza as mulleres, a “infantilización das mulleres que temos unha vida libre de cargas familiares” ou o “esforzo engadido por demostrar máis para que se nos considere iguais”.

Na mesa tamén se abordou un tema de estrita actualidade: os ventres de alugueiro. “Temos que denunciar o branqueo, investigar e facer xornalismo. Non se trata da portada destes días, senón que é un tema moi sensible que obriga a reformular un debate que está aí pero nunca foi abordado polas institucións coa suficiente firmeza. Como é posible que as leis para adoptar sexan tan restritivas e as dos ventres de alugueiro tan laxas? Non pode ser que o diñeiro valla todo”, reflexionou Ana Pardo de Vera. Pola súa banda, Isabel Valdés asegurou que “o diñeiro merca a dignidade, fundamentalmente das mulleres, todo o tempo”, e denunciou “a romantización da maternidade que estamos vendo estes días” e “os eufemismos para os ventres de alugueiro”.

A última mesa do encontro foi a centrada no poder xudicial, moderada pola xornalista Irene Bascoy e coa participación da Fiscal de Sala contra a Violencia sobre a Muller Teresa Peramato Martin e a maxistrada-xuíza do Xulgado de Violencia sobre a Muller núm. 1 de Albacete, Cira García Domínguez. Teresa Peramato analizou as causas e factores que contribúen a que “sexa complicado alcanzar a igualdade nos postos directivos” malia que “as mulleres somos maioría na carreira xudicial, o 65%”, e “temos unha capacidade indiscutible, malia que si discutida”. Peramato asegurou que ata 2015 os cargos directivos eran ocupados só nun 30% por mulleres, cifra que ascendeu ata o 38% en 2020 e ata o 48% en 2022. “Deberíamos examinar por que en 10 anos puidemos ter un ascenso tan importante”, fundamentalmente “a chegada e mantemento de liderados feministas, tanto de homes como de mulleres que queren modificar as institucións e introducir cambios nelas”, así como “a insistencia na formación en igualdade”.

Cira García asegurou que cómpre elaborar “un estudo sociolóxico que analice en profundidade as causas da baixa participación das mulleres nos procesos de selección a rangos superiores”. Porén “a escolla dos nomeamentos vén por parte de órganos onde son maioritariamente homes” e, ademais, “a xustiza e os xuíces e xuízas non son alleas aos prexuízos e os estereotipos”. García lembrou que “as mulleres asumen o 92% das excedencias por coidado de menos de 3 anos, e tamén a maioría das reducións de xornada”, e asegurou que “o problema non é que asumamos os coidados, senón como iso afecta ao desenvolvemento da carreira profesional das mulleres: eles poden asumir outras responsabilidades e percibir maiores soldos porque non asumen esa carga, e iso tamén é fenda salarial aínda que moitas compañeiras non o vexan”.

Galerias de imaxes

videos