O Castelo de Soutomaior énchese de igualdade no III Encontro Nacional de Políticas Públicas que aborda a situación das mulleres no poder

Carmela Silva: “Cando as mulleres gobernamos, as cousas cambian e as sociedades son mellores, con iguais oportunidades para mulleres e homes. Non é palabrería, senón que a nosa mirada concrétase en accións reais moi transformadoras”

29/03/2023

III Encontro Nacional Politicas Publicas Escola de Igualdade María Vinyals

O Castelo de Soutomaior vólvese converter este mércores e xoves no epicentro do debate sobre a igualdade coa terceira edición do Encontro Nacional de Políticas Públicas promovido pola Escola María Vinyals da Deputación. Máis dun cento de persoas asisten a este foro que, coordinado pola doutora Rosa Cobo e da man de quince mulleres referentes do Estado, vai analizar estes días cuestións relativas ao poder das mulleres  nas distintas esferas de liderado local, autonómico, estatal, xudicial e na comunicación. A presidenta Carmela Silva vén de inaugurar este foro de debate que tamén se está a retransmitir por streaming a través dos canais da Deputación.

Na apertura, Carmela Silva subliñou a importancia deste tipo de iniciativas de debate con distintos e diversos posicionamentos, “porque as mulleres xuntas, dialogando e creando redes, facémonos máis fortes”. Puxo de relevo que “vaise debater sobre como exercen o poder as mulleres feministas e tamén sobre as dificultades daquelas que chegan a ter posicións de liderado, que son reemprazadas con facilidade absoluta”, e reivindicou o compromiso do mundo local “que é fundamental para avanzar na igualdade”.  Pola súa banda a coordinadora Rosa Cobo incidiu en que o obxectivo deste encontro é reflexionar de xeito colectivo sobre a muller  e o poder, e “nos diferentes obstáculos que encontramos en aqueles espazos nos que hai poder e hai decisión, amais de pensar colectivamente sobre que políticas se poden facer para neutralizar o debilitar esas barreiras que nos fan tan difícil acceder”. E neste senso,  citou como os principais dous tipos de obstáculos, “os entramados institucional e simbólico”, sobre os que xiran ambas xornadas.

Trala apertura, abriu o ciclo a catedrática de Socioloxía Inés Alberdi cunha conferencia centrada na situación do poder das muller a nivel internacional e nas organizacións privadas. Partiu da súa experiencia como directora executiva de UNIFEM, a Axencia para o Desenvolvemento das Mulleres das Nacións Unidas, entre 2018 e 2011, que como sinalou, conseguiu que o Consello de Seguridade da ONU elaborase unha directiva “que considerou por primeira vez as violacións e os ataques sexuais ás mulleres nos conflictos bélicos como delitos de guerra”. Alberdi subliñou que no último século “ten habido unha revolución moi silenciosa e profunda que é a batalla pola igualdade. É a máis orixinal, porque se levou a cabo sen violencia. Aínda non temos gañado a guerra, pero si varias batallas”. Entre elas, o acceso ao poder, que “se exerce de forma distinta por parte das mulleres. O cambio máis forte deuse na política, porque homes e mulleres votan, pero non se ten dado de igual forma na empresa”. Neste senso, avogou polas cotas de paridade “como forma de neutralizar a parcialidade e orquestrar a imparcialidade”, especialmente nos procesos de selección. “A cota favorece a excelencia sen prexuízos sexistas –sinalou- porque entre as mulleres saen as máis capaces. Hai numerosos estudos que din que ter mulleres en postos de dirección trae maior eficacia e éxito económico e unha maneira diferente de dirixir”. Concluíu cunha mensaxe de optimismo, “aínda que hai moito que facer e non é xusto o reparto do poder, pero temos que mirar ao futuro con optimismo”

Carmela Silva e a directora xeral de Igualdade do Goberno do Principado de Asturias, Nuria Varela, abordaron na primeira mesa, moderada pola xornalista Aida Pena o poder executivo das mulleres nas deputacións e no ámbito autonómico. A presidenta provincial deixou claro que pese  a que as mulleres no poder son poucas, “estamos a impulsar grandes transformacións e a nosa mirada sitúa no centro de todo a axenda feminista”. Carmela Silva puxo o exemplo á Deputación de Pontevedra “onde a transversalidade é absoluta e a igualdade está presente en cada unha das áreas de goberno”, e afirmou que “cando as mulleres gobernamos, as cousas cambian e as sociedades son mellores, con iguais oportunidades para mulleres e homes. Non é palabrería, senón que a nosa mirada concrétase en accións reais moi transformadoras”. “Síntome orgullosa –engadiu- de ver que a xestión lila é compartida tamén polas referentes feministas que están no poder, que están a aplicar a igualdade de xeito transversal, con accións concretas que demostran que é algo que nos preocupa e ocupa”.

Carmela Silva citou que a Deputación ten maioría feminina no gabinete de Presidencia e na maior parte das xefaturas de servizos. E ao marxe do propio servizo de Igualdade, cuxo orzamento aumentou un 18% neste 2023, “medrou tres veces máis do que o fixo o orzamento global da institución”, porque sen recursos non transformamos nada. “Espállanse os principios da igualdade en todas as liñas de acción provincial”, dixo, citando as diferentes iniciativas que se están a desenvolver en eidos da mobilidade, a cultura, o deporte ou o turismo e as redes colaborativas establecidas con entidades como as universidades. “A nosa mirada sitúa no centro a axenda feminista–apuntou a presidenta-. Esa é a nosa prioridade e a nosa batalla, porque cando as mulleres gobernamos facémolo coa nosa mirada. Esa é a nota que nos diferencia no modo de xestionar e que ven marcado por un liderado diferente, máis centrado nas persoas e no que a sororidade é a nosa bandeira”.

Pola súa banda, Nuria Varela destacou os avances que desde o seu departamento autonómico se teñen acadado na loita pola igualdade nos últimos anos, centrados na atención ás vítimas da violencia sexual, coa posta en marcha dun Centro de Crise, o primeiro autonómico, para atención psicolóxica e legal ás vítimas “e que nos está a servir tamén para obter datos sobre esta violencia sexual e saber en que territorio estamos”. Outras liñas son a estratexia abolicionista da prostitución e a trata de mulleres e a loita contra a desigualdade económica, amais da recente creación da figura das persoas axentes de igualdade para as empresas.

Varela amosou “un optimismo preocupado” ante a situación actual que vive o feminismo, “porque se confunde ata que é ser feminista neste momento” e porque se están a desenvolver “políticas asistenciais e a igualdade non son estas políticas, senón as transformadoras”. “As políticas de igualdade necesitan pouco ruído e moitas noces –advertiu- e hoxe estamos a ver institucións de igualdade sen que haxa feministas ao fronte e sen que haxa un marco feminista. Temos os andamios, a estrutura da igualdade, pero quedámonos aí, e o discurso de austeridade deixou sen recursos económicos e persoais aos organismos, algo ao que nos estamos enfrontando agora”.

O Poder executivo nos Concellos centrou a segunda das mesas, moderada pola xornalista Carolina Sertal e na que interviñeron tres referentes do municipalismo que abordaron as  dificultades que viven as mulleres para dedicarse á política local a pesar da súa relevancia e que se trata do ámbito máis próximo á cidadanía. Rosa Gómez Limia, pioneira do feminismo que incidiu na “falta da autoestima” como outra condición inherente ás mulleres á hora de entrar na esfera pública, destacou que a discriminación positiva que supuxo a obrigatoriedade da inclusión dun 25% de mulleres nas listas electorais foi unha das estratexias “que levaron tanto ao progresivo empoderamento feminino como a permitir ir ocupando postos de responsabilidade dentro e fóra do partido”. Pola súa banda, Encarna Otero, dende a súa experiencia xestora en políticas municipais e de vivenda no Goberno da Xunta, cualificou como “imprescindible” a presencia de mulleres con prácticas feministas nas institucións: “As súas actuacións e decisións melloran a vida das persoas, a súa presencia xera democracia, igualdade, benestar e crea referentes públicos femininos e redes de sororidade”, subliñou, tras citar que o bipartito da Xunta foi o único cunha consellería de Vivenda “na que a maioría eramos mulleres que fixemos políticas para mulleres e que conseguimos aprobar por unanimidade unha lei de Vivenda”. Para a docente universitaria e ex concelleira de Igualdade en Santiago Marta Lois González, “aínda que tradicionalmente as políticas locais de xénero reciben pouca atención académica, que centra o seu foco nos niveis estatal e autonómico, –dixo- xogan un rol fundamental no desenvolvemento do Estado de Benestar e o avance da igualdade, a pesar dos importantes defectos relacionados co infrafinanciamento histórico e as dificultades derivadas do marco competencial”.

Sesión de tarde

Por outra banda, a catedrática Marina Subirats protagonizou a conferencia da tarde na que puxo o acento “na necesidade de que haxa mulleres e homes na política que leven a cabo políticas feministas”. “O movemento feminista –explicou- é o motor, pero precísase traducir esas demandas feministas en políticas sociais. Agora temos un forte movemento feminista, e aínda que está dividíndose, segue empurrando. E logo hai un goberno que avanzou moito en temas de feminismo, con políticas neste senso. E hai que evitar que iso se rompa. Se entra un goberno con directrices diferentes, sería tremendo, porque o movemento estrélase contra a parede”. Presentada pola xornalista María Díaz, a experta catalá tamén puxo o foco en que o machismo “prexudica ás mulleres e os homes de maneira diferente”. Subirats cuestionou que na actualidade, os medios e as redes sociais están a favorecer uns modelos femininos de beleza nos que o que se valora “é o capital sexual”. “Unha muller ten capital sexual se pode ser moi atractiva, e se empeza a potenciar desde a infancia –sinalou-. Isto está causando moito sufrimento e fainos retroceder. O feminismo ten intentado advertir que nos teñen convertido en obxecto de desexo e temos que ser suxeitos”. Por iso incidiu na necesidade de introducir a educación afectivo sexual na escola, algo xa contemplado na Lomloe “pero que estamos vendo que non se concreta o suficiente”. “É terrible  -afirmou- ver a nenos moi mozos que están a aprender da sexualidade a través da pornografía e teñen comportamentos delirantes, prexudicando á súa propia vida, polo que é absolutamente necesario traballar neste eido”.

A última das mesas desta primeira xornada do Encontro analizou o poder executivo das mulleres no Parlamento, na que desculpou a súa ausencia a coordinadora da área social no Grupo Parlamentario Popular, Marta González. Moderada pola xornalista Alba Moledo, nela participaron Laura Berja, voceira de Igualdade do Grupo Parlamentario Socialista e Beatriz Gimeno, deputada de Podemos na Asamblea de Madrid. Esta última centrou a súa intervención nos obstáculos que atopan as mulleres nos distintos ámbitos de poder. “Falar deles é falar da relación entre o poder e as mulleres; un dos temas clásicos do feminismo –sinalou-. Supón definir que é o poder e de que poder falamos. As mulleres, na parte do mundo no que existe igualdade de dereitos, xa teñen poder. A pregunta sería máis ben: que obstáculos atopamos as feministas para actuar como feministas no poder? A resposta simple é: todos. Pero elixo tres: O contido do poder: o androcentrismo; as formas do poder: a nosa voz no espazo público non ten lexitimidade e o Poder para ser iguais, ¿iguais a que, a quen?”.

O Encontro continuará mañá, o xoves 30 de marzo, coa segunda e última xornada. Ás 10 horas dará comezo a mesa sobre Medios de Comunicación, moderada pola periodista Guada Guerra, na que intervirán Ana Pardo de Vera, directora corporativa e de Relacións Institucionais de Público, e Isabel Valdés, xornalista especializada en feminismo e correspondente de xénero do xornal El País. O Poder Xudicial centrará ás 11.15h a última mesa, moderada pola xornalista Irene Bascoy, e na que participarán Teresa Peramato, fiscal de Sala contra a Violencia sobre a Muller e Cira García, maxistrada-xuíza do Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Albacete, único Xulgado con competencias exclusivas na materia na Comunidade de Castela A Mancha. O foro pecharase cun diálogo entre Marina Subirats e a coordinadora Rosa Cobo, e coa lectura das conclusións.

Galerias de imaxes

videos