A figura de María Vinyals protagonista no castelo de Soutomaior dunha conferencia no marco do ciclo da Deputación “Aquí faltan páxinas”
A deputada provincial Sandra Bastos participou na charla impartida pola escritora Isabel Blanco na que se afondou na traxectoria desta aristócrata que naceu e viviu longas temporadas no castelo
26/07/2023
A figura da aristócrata María Vinyals, que naceu e viviu longas temporadas no castelo de Soutomaior, foi protagonista este mércores do programa provincial Aquí faltan páxinas, un ciclo de relatos sonoros e conferencias que nace da colaboración da Deputación de Pontevedra con O Cable Inglés para dar a coñecer a traxectoria de mulleres galegas extraordinarias. A deputada provincial Sandra Bastos participou na charla impartida pola escritora Isabel Blanco nos xardíns do castelo.
Vinyals, escritora, articulista, artista, conferenciante e sufraxista, naceu e viviu no castelo de Soutomaior a finais do século XIX. Foi unha das primeiras mulleres en formar parte da Real Academia Galega. Ademais de protagonizar a conferencia nos xardíns do castelo a historia da María Vinyals está tamén xa dispoñible no podcast Aquí faltan páxinas (nas principais plataformas de streaming de audio e no sitio web da institución provincial) e a través dun roteiro virtual que inclúe os lugares claves na biografía da protagonista, centrado no Castelo de Soutomaior, que María Vinyals herdou do seu tío no ano 1908. No pavillón de invitados exterior do castelo, que hoxe é a Pousada, a tamén marquesa de Ayerbe creou xunto ao seu marido, o médico Enrique Lluria, o Sanatorio Lluria, no que a propia Vinyals traballou no 1916 atendendo aos pacientes. Ademais, mentres ela viviu alí, Soutomaior converteuse nun lugar polo que pasaron ministros, embaixadores, aristócratas e artistas como Sorolla e Benlliure, intelectuais como Castelao ou Pardo Bazán, e ata o rei Alfonso XII.
A relatora Isabel Blanco baseou o seu faladoiro no seu ensaio María Vinyals. Un talento rebelde (2018). Licenciada en Dereito pola Universidade de Granada, exerce desde 1989 en Vigo como avogada especializada en dereito matrimonial e de familia, e en violencia de xénero e menores, actividade que combina coa súa paixón pola escritura e a creación. Como creadora, promoveu as mostras Rompe, xoga en igualdade (Deputación de Pontevedra, 2018); Amores que matan non son amores (2018) coa dirección artística de Irene Silva e Espazos roubados (Deputación de Pontevedra, 2021), así como o espectáculo Literarias, con Silvia Penas e Mariana Carballal. Como escritora publicou case unha ducia de libros, que van desde a poesía e o relato ata a novela, o álbum ilustrado ou biografías.
O proxecto Aquí faltan páxinas inclúe unha antoloxía de 12 podcasts, un por mes, para pór en valor os logros de 12 grandes mulleres relacionadas coa provincia: María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa.