Luisa Sánchez anuncia que a Deputación destina 10.000 euros para financiar a compra de alimentos da Fundación Provincial Banco de Alimentos
A vicepresidenta provincial visitou as instalacións da entidade en Vigo e mostrou o aval da Deputación aos proxectos da entidade e ao seu traballo “de apoio aos e ás pontevedresas que máis o precisan”
24/03/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou hoxe nunha visita á sede viguesa da Fundación Provincial Banco de Alimentos que a institución provincial vai destinar unha subvención de 10.000 euros para apoiar o seu traballo na atención ás persoas en situación de vulnerabilidade social da provincia. A vicepresidenta aproveitou a ocasión para agradecer o traballo que a Fundación realiza “apoiando aos e ás pontevedresas que máis o precisan no seu día a día”.
Luisa Sánchez explicou ao presidente, José Ramón Santamaría, e a outros responsables da Fundación que estes 10.000 euros están destinados a financiar a compra de alimentos, que beneficiarán a unhas 10.000 persoas en risco de exclusión social co fin de reverter situacións de vulnerabilidade, cubrindo as súas necesidades básicas de alimentación. A actuación realízase a través das entidades da Fundación, que serán as encargadas de facer a entrega dos alimentos a todas aquelas persoas que o precisan. A vicepresidenta provincial remarcou así o apoio, un ano máis, aos proxectos da Fundación Provincial Banco de Alimentos, coa que colabora todos os anos en defensa dos dereitos das persoas en situación de vulnerabilidade en diferentes proxectos.
Estes fondos, que a Fundación vai recibir a través dunha subvención nominativa, aprobaranse na sesión correspondente ao mes de marzo do pleno da Deputación, que se celebrará este venres, e forman parte dunha modificación de crédito que permitirá financiar diferentes proxectos en toda a provincia.