Luisa Sánchez asiste ao acto de entrega dos Premios e Axudas Incuvi ás mellores iniciativas empresariais de base tecnolóxica e de coñecemento

27/03/2025

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este xoves no edificio Redeiras da Universidade de Vigo, na Praza do Berbés, ao acto de entrega dos seus Premios e Axudas Incuvi, co que a universidade busca as mellores iniciativas empresariais de base tecnolóxica e de coñecemento. No acto desveláronse os proxectos gañadores da XIII edición dos Premios Incuvi Emprende, a IX edición das Axudas Incuvi Avanza e a V edición das Axudas Incuvi Consolida, que contan cunha axuda da Deputación valorada en 24.000 euros. Con estes recursos vanse financiar actividades de formación, titorización e mentoría para os 17 proxectos gañadores (12 en Incuvi Emprende, catro en Incuvi Avanza e un en Incuvi Consolida), así como achegas económicas que cubrirán os seus gastos de prototipado ou demostración (Incuvi Avanza) ou outros derivados da súa consolidación (Incuvi Consolida).

Neste eido, Sánchez aproveitou para divulgar programas que está a liderar a Deputación de Pontevedra para promover o emprendemento, como os viveiros de empresas en Barro e Lalín ou o proxecto SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural, desde os que se presta asesoramento a persoas emprendedoras da provincia. “Queremos axudarvos a facer realidade os vosos soños, impulsar o nacemento de novos proxectos emprendedores e o crecemento doutros que xa están en funcionamento porque facelo é dar pasos cara adiante para converter a esta provincia nun territorio con futuro, dinámico, moderno, emprendedor e xerador de riqueza, emprego e oportunidades”, engadiu a vicepresidenta.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.