A Deputación entrega os premios Demo Day aos mellores proxectos empresariais do alumnado de FP da provincia

A vicepresidenta provincial Luisa Sánchez asistiu ao acto, celebrado na sede de Vigo da Deputación, onde se repartiron tres premios valorados en 1.900 euros

25/03/2025

Luisa Sánchez na entrega de premios Demo Day

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este martes no acto de entrega dos premios Demo Day cos que se distinguiron os mellores proxectos profesionais ideados polo alumnado participante no programa DepoEmprende na FP. Oito centros educativos dos concellos de Gondomar, Lalín, Pontevedra e Vigo participaron nesta convocatoria, coa que a institución provincial busca promover entre o alumnado de Formación Profesional de grao medio e superior a iniciativa emprendedora, tanto no ámbito empresarial como no autoemprego.

A vicepresidenta Luisa Sánchez sinalou que “queremos recoñecer o grande esforzo que estades realizando este curso para converter esas ideas emprendedoras nunha realidade, porque queremos que soñedes ao grande e non tomedes isto como unha actividade escolar, senón como unha porta que vos abrimos para que o voso futuro comece a tomar forma”. Luisa Sánchez lembrou que DepoEmprende pretende integrar a cultura emprendedora no currículo educativo pero aplicada non só aos supostos de mentalidade empresarial, senón cunha ollada máis global. “Estamos moi orgullosos das enerxías que investistes nestes meses ata chegar a esta exposición pública e agardo que aproveitedes esta oportunidade, porque estades no mellor momento para asumir riscos e tomar decisións valentes, que non rifan coa sensatez”. A vicepresidenta agradeceu o profesorado por “a carga extra de traballo que supón participar en DepoEmprende, estamos orgullosos de que o voso compromiso co futuro da nosa xuventude vos faga saltar ao baleiro ano tras ano”.

Os 1.900 euros repartíronse en dúas categorías: 1.200 para o alumnado de grao superior, con dous premios de 700 e 500 euros que foron parar ao Colexio Vivas (Vigo) polo proxecto Eternal Pet e ao IES Sánchez Cantón (Pontevedra) por Senda Viva, e 700 euros para o de grao medio, que gañou o alumnado do IES Laxeiro (Lalín) co proxecto H2OFlow.

Os dez centros educativos da provincia que participan no proxecto DepoEmprende na FP neste curso son o IES Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar), o IES Laxeiro (Lalín), o CIFP A Xunqueira (Pontevedra), o CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), o CIFP Montecelo (Pontevedra, que non participou nos premios), o IES Sánchez Cantón (Pontevedra), e os vigueses CIFP Manuel Antonio, Colexio Vivas, IES A Guía e IES Politécnico de Vigo (que tampouco participou nos premios).

DepoEmprende na FP é unha das tres modalidades nas que se divide este programa para centros educativos da provincia, xunto a DepoEmprende na Escola e DepoEmprende na ESO. A Deputación busca promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe cun traballo desde a práctica. A metodoloxía proposta baséase na elaboración e xestión de proxectos empresariais para que o alumnado asuma o risco de afrontar diferentes situacións laborais e, deste xeito, mellore a súa participación activa na vida económica, social e cultural da súa contorna.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.