Luisa Sánchez anuncia que a Deputación destinará 20.000 euros a ANFACO-CECOPESCA para financiar a reedición da publicación “Las familias de la conserva”

A vicepresidenta provincial reuniuse con responsables da entidade para anunciar a aprobación destes recursos, que se aprobarán no Pleno da Deputación deste venres, e amosar o compromiso do organismo provincial coa industria do mar

27/03/2025

Luisa Sánchez

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou hoxe nun encontro con responsables de ANFACO-CECOPESCA a aprobación dunha axuda de 20.000 euros para que a entidade poida financiar a reedición da publicación “Las familias de la conserva”. Sánchez aproveitou a ocasión para amosar o firme compromiso do organismo provincial coa industria do mar-alimentaria, que abrangue sectores económicos de especial importancia para a provincia como as conservas, os conxelados do mar ou, entre outros moitos, produtores de mexillón ou de produtos da pesca.

Luisa Sánchez explicou que estes 20.000 euros están destinados a reeditar “Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescados a través de sus sagas familiares”, unha publicación editada conxuntamente por Anfaco e a Fundación FUNPROMAR no 2011 que xa daquela contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra. Na publicación recóllense as traxectorias de familias relacionadas coa conserva como os Curbera, Albo, Goday, Herrero, Massó, Alonso Lamberti, Alonso, Garavilla, Serrats, Ortiz, Tomás Martínez, Cerdeiras, Alfageme, Cerqueira, Pérez Lafuente, Job, Thenaisie-Provoté, Portanet, López Valcárcel, Gándara y Haz, Yurrita, Sanfilippo, Otero, Peña, Pita, Daporta, Escurís, Calvo, Alonso-Escurís e Pescamar.”Sen dúbida algunha –sinalou a vicepresidenta provincial- unha publicación que recolle a historia da conserva en Galicia e a importante pegada que tivo e segue a ter na provincia de Pontevedra”.

Estes fondos, que ANFACO-CECOPESCA vai recibir a través dunha subvención nominativa, aprobaranse na sesión correspondente ao mes de marzo do pleno da Deputación, que se celebrará este venres, e forman parte dunha modificación de crédito que permitirá financiar diferentes proxectos no conxunto da provincia de Pontevedra. 

Galerias de imaxes