A vicepresidenta, Luisa Sánchez, visita a Fundación Provincial do Banco de Alimentos de Vigo
17/04/2024
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, xunto coa deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, visitou hoxe a sede que a Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo ten nesta cidade. Alí, ademais de visitar as instalacións con integrantes da Xunta Directiva da Fundación, coma o seu presidente, Iván Martínez, tamén puido charlar co persoal do grupo de traballo de preparación de pedidos. A vicepresidenta quixo agradecerlle o seu traballo, "e todo o que esta Fundación provincial fai polos pontevedreses que máis o precisan", polo papel fundamental que xoga na sociedade. "Ogallá chegue o día no que a vosa presenza non sexa necesaria porque sería, sen dúbida, un grande avance. Pero, mentres tanto, grazas por todo o que facedes os 365 días do ano".
Durante a visita, Luisa Sánchez aproveitou para lembrar que o Banco de Alimentos de Vigo está buscando voluntarias e voluntarios para levar a cabo o próximo mes o Maio Solidario, a súa segunda operación kilo neste 2024 e estendeu a man do Goberno provincial "para seguir colaborando estreitamente con vós en proxectos contra a exclusión social e en todo o que necesitedes".