A provincia de Pontevedra acollerá en xuño o encontro anual das audiencias provinciais do estado

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, confirmou ao presidente da Audiencia de Pontevedra, Francisco Javier Menéndez, o apoio e máxima colaboración na organización das xornadas que se inaugurará previsiblemente no Pazo Provincial

15/12/2022

Reunión Audiencias

A Deputación e a Audiencia Provincial de Pontevedra colaborarán de forma conxunta na organización do Encontro Anual das presidentas e presidentes das 47 Audiencias Provinciais de todo o Estado que terá lugar no vindeiro mes de xuño e que, por vez primeira, se celebrará na provincia. A presidenta Carmela Silva e o presidente da Audiencia, Francisco Javier Menéndez, confirmaron hoxe o anuncio tras un encontro en Vigo, onde ofreceron os primeiros detalles das xornadas que terán lugar os días 12, 13 e 14 de xuño coa inauguración o día 12 previsiblemente no Pazo Provincial da Deputación en Pontevedra.

Carmela Silva, que puxo a disposición do presidente da Audiencia a máxima disposición da Deputación na organización do encontro, cualificou as xornadas como “un feito moi relevante xa que a provincia será o centro de atención coas reunións de traballo dun dos grandes poderes do Estado como é o poder xudicial”. A presidenta sinalou que unha vez se confirme, o Pazo Provincial, “un dos edificios civís mais fermosos de toda a  Galicia”, estará listo e preparado para acoller ás presidencias das Audiencias Provinciais. “Eu creo que tanto as administracións publicas, dende o poder xudicial como dende o poder político, temos que traballar de forma coordinada para que as cousas saian ben. A xente merece que traballemos e que  teñamos boas prácticas de traballo conxunto. Así que, vai a ser un pracer traballar conxuntamente”. A presidenta subliñou tamén “ a oportunidade que supón a nivel turístico e que eses días poidan coñecer lugares moi relevantes do noso territorio, tanto a nivel patrimonial como a nivel do interior, da costa, a nosa gastronomía, a nosa historia, a nosa cultura e polo tanto que leven a mellor imaxe dunha provincia que está situada como unha das máis atractivas”.

Pola súa banda, o presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, Francisco Javier Menéndez, agradeceu a Deputación “a acollida calorosa e a predisposición a colaborar con estas xornadas que recuperamos este ano tras dous de pandemia”, xornadas nas que “as presidencias das audiencias provinciais nos reunimos unha vez ao ano presencialmente para pór en común cuestións relacionadas coa xustiza, a nosa organización e as reformas lexislativas recentemente aprobadas ou que se poden aprobar”. Menéndez avanzou que na reunión en Pontevedra “finalizaremos os traballos que vimos realizando nos últimos meses relacionados cos proxectos de lei de Eficiencia Organizativa dos Tribunais e de Eficiencia Dixital, que buscan que este ámbito da xustiza se modernice”.

O presidente da Audiencia Provincial asegurou que “traballar nunha contorna cómoda e agradable é moito máis favorable, por iso queremos que a provincia acolla estas xornadas e que todas as compañeiras e compañeiros das audiencias poidamos traballar a gusto”. Así, “trasladarán por todo o Estado a imaxe da provincia que esta terra fantástica merece”. Menéndez Estébanez reiterou “as grazas por favorecer todas as alternativas e posibilidades para que estas xornadas xurdisen e que flúan adecuadamente”.