A Deputación de Pontevedra, anfitrioa das XXI Xornadas de presidentes e presidentas de Audiencias Provinciais

Os presidentes do Consello Xeral do Poder Xudicial, Rafael Mozo, e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, asinaron no libro de honra da institución

12/06/2023

XXI Xornadas de presidentes e presidentas de Audiencias Provinciais

A Deputación converteuse este luns en anfitrioa da XXI edición das Xornadas de presidentes e presidentas de Audiencias Provinciais, que este ano se celebran en Pontevedra. O salón de plenos do Pazo Provincial acolleu o acto oficial de inauguración deste encontro, ao que asistiu unha representación das e dos asistentes e no que interviñeron o  presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial, Rafael Mozo, a vogal do CGPJ María del Carmen Llombart; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, así como o presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, Francisco Javier Menéndez Estébanez.

De xeito previo, a comitiva foi recibida na escalinata do Pazo Provincial polo deputado en funcións de Economía e Réxime Interior, Carlos López Font, e a deputada en funcións de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, e antes de participar na inauguración, o presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial xunto ao presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia asinaron no libro de honra da Deputación, nun acto celebrado na Sala de Xuntas. Rafael Mozo rubricou coa súa firma a “enorme satisfacción por visitar esta sede da Deputación de Pontevedra” e o seu agradecemento e o do Consello Xeral do Poder Xudicial á colaboración da institución provincial na celebración das xornadas. José María Gómez y Díaz-Castroverde subliñou pola súa parte que “é un honor visitar este Pazo da Excelentísima Deputación de Pontevedra e facelo en compañía do presidente do CXPX” e fixo extensivo o “afecto e agradecemento” á presidenta en funcións “desta casa”, Carmela Silva.

Pola súa banda, o deputado Carlos Font recolleu “o testemuño histórico” destas sinaturas “con agarimo” e destacou en nome da Deputación e de Carmela Silva o “inmenso honor” pola celebración destas “importantes xornadas” e a presencia de ambos presidentes e a directora do encontro, Carmen Llombart.  Trala inauguración, as e os participantes nas Xornadas trasladáronse ao Castelo de Soutomaior para desfrutar dunha visita guiada polas instalacións e os xardíns da fortaleza.

Durante as citadas xornadas estase a analizar o proxecto de lei de eficiencia organizativa, así como o de eficiencia dixital. Os e as asistentes tamén están a afondar na aplicación práctica das leis de reforma en materia penal e darase conta do resultado das comisións provinciais de coordinación en materia de violencia sobre a muller, constituídas por acordo da Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial o 25 de xullo de 2018.

Galerias de imaxes

audios