A Deputación organiza unhas xornadas para debater se a nova lei de memoria democrática garante o acceso das vítimas do franquismo á xustiza

O acto contará coa presenza dos avogados de CeaQUA Jacinto Lara e Paloma García, así como do querelante Miguel Ángel Gómez ‘Gus’ e integrantes das familias de Alexandre Bóveda e Ramiro Paz

21/10/2022

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra vai celebrar unhas xornadas para informar e debater sobre os cambios que a entrada en vigor da nova lei de memoria democrática (Lei 20/2022, publicada no BOE do pasado 20 de outubro) introduce na reparación dos crimes do franquismo. Preténdese analizar se o novo texto garante o acceso á xustiza das vítimas ou é insuficiente, tal e como denuncian expertos na materia e moitas das asociacións de memoria.

O encontro, no que participarán colectivos memorialistas do país, será o vindeiro venres 28, a partir das 16.00 horas no Edificio Administrativo da Deputación. Estarán presentes, ademais da deputada de Memoria María Ortega, o avogado Jacinto Lara Bonilla e a avogada Paloma García Varela, integrantes do equipo xurídico madrileño que se está a ocupar da querela arxentina. Ambos explicarán os pasos a seguir tras a entrada en vigor da nova Lei de Memoria Democrática para conseguir a efectiva reparación xudicial dos crimes franquistas e informarán sobre o estado actual da querela arxentina.

Cabe lembrar que co auspicio da propia Deputación, integráronse na querela arxentina varias familias pontevedresas,  como a do presidente do organismo provincial Amancio Caamaño, cuxas netas asinaron a adhesión en novembro de 2019, xunto a familiares de Ramiro Paz e Alexandre Bóveda, que tamén estarán presentes no encontro do vindeiro 28 de outubro.

O debate contará tamén coa presenza de vítimas que presentaron querelas ante tribunais estatais, sen conseguir amparo, como o veciño de Vigo Miguel Ángel Gómez Álvarez Gus. Gómez presentou por vía penal unha demanda por delito de torturas e delitos de lesa humanidade que foi admitida a trámite pola xuíza, por primeira vez na historia da democracia do 78, mais a titular do xulgado incorporouse aos tres meses e arquivouno. Isto provocou un recurso de Gómez Álvarez ante a audiencia provincial de Madrid que tamén foi desestimado, e posteriormente un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, que tampouco foi admitido a trámite, alegando que non afectaba a ningún dereito fundamental. Incansábel na loita, Gómez recorreu ao Comité de Dereitos Humanos na ONU, con sede en Xenebra, trámite do que aínda non tivo resposta.

O debate

A nova Lei de Memoria Democrática declara, no referente á xustiza, “a ilegalidade dos tribunais franquistas de excepción e a nulidade da súas sentenzas”, o que, segundo o texto, dá dereito “a obter unha declaración de recoñecemento e reparación persoal”. Ademais, recolle “o dereito á investigación das violacións de dereitos humanos da guerra  da ditadura ata a promulgación da Constitución de 1978”. Por último, impulsa a creación dunha fiscalía da sala de Dereitos Humanos e Memoria Democrática na Fiscalía General do Estado como “instrumento da investigación”.

Porén, segundo explican desde CeAqua, coordinadora que agrupa as vítimas que acudiron á xustiza arxentina “non resolve os problemas que se nos presentan nos tribunais estatais cada vez que unha vítima do franquismo lles pide amparo”. O principal escollo, din, “é a lei de amnistía e a nova norma non aborda a súa derrogación nin modificación. Tampouco se avanza na necesaria e obrigada aplicación do ordenamento internacional nos casos concernente a crimes franquistas”. Rexeitan ademais o período temporal que aborda a lei, considerando que tiña que chegar ata os anos 80.

Consideran imprescindíbel que as vítimas aínda vivas ou as familias das que morreron sen reparación, continúen petando na porta da xustiza, única garantía real de reparación. Malia que unha e outra vez estivo pechada para  as vítimas, “a teima das familias conseguiu avances como que a importancia da propia loita en prol da xustiza estea na axenda, ou que integrantes do Constitucional emitan votos particulares favorábeis ás vítimas”.