A Sede da Deputación en Vigo acolle as xornadas de Xuízas e Xuíces Para a Democracia centradas na protección das persoas consumidoras

O deputado Carlos López Font destaca a importancia de “protexer os dereitos desde unha visión integral” e reafirma a aposta da institución provincial pola igualdade

17/11/2022

Xornadas Xustiza

A sede da Deputación en Vigo acolle hoxe e mañá as X Xornadas da Comisión de Dereito Privado da asociación progresista Xuízas e Xuíces para a Democracia, cun programa de relatorios que se centrará na protección das persoas consumidoras en materias sensibles como o dereito á vivenda, desafiuzamentos, saúde, educación e abusos en determinadas tarxetas bancarias e no transporte aéreo. Na cita, con máis de 40 participantes, interveñen maxistradas e maxistrados de distintos puntos do Estado.

O deputado Carlos López Font deu a benvida a todas e a todos os asistentes e poñentes e destacou o acertado do debate. “É preciso protexer os dereitos desde unha visión integral. Os tribunais atópanse nun difícil papel en moitos casos e as aportacións que sairán destes relatorios son moi positivas. Falamos de problemáticas moi importantes que ademais afectan en moitos casos a menores e a colectivos especialmente vulnerables”, resaltou. Ana García, coordinadora da Comisión, e Edmundo Rodríguez, maxistrado e co-portavoz da asociación, expresaron na súa presentación a relevancia das xornadas e os beneficios de poñer en común reflexións e ideas.

López Font felicitou a Xuízas e Xuíces para a Democracia polo labor nas súas xa case catro décadas de existencia. “É unha honra acoller estas xornadas e quero facer un recoñecemento ao seu traballo desde 1984. Prestan un gran servizo á sociedade”, explicou, para salientar que o evento “representa o espírito da Deputación e desta sede, que é traballar polas persoas e pola igualdade entre todas e todos”. Neste senso recordou que as xornadas teñen lugar na sala Rosalía de Castro e que todas as dependencias de uso público da sede viguesa da institución provincial teñen nome de muller.

Protección dos dereitos

A Comisión de Dereito Privado da asociación aborda nestas xornadas a protección das persoas consumidoras desde perspectivas diversas, incidindo na importancia que o dereito e xurisprudencia europeos tiveron para o avance do dereito español. Vivenda, tarxetas de crédito revolving con pago aprazado e condicións abusivas ou os problemas e reclamacións das e dos usuarios do transporte público son algúns dos asuntos tratados durante os dous días deas xornadas, nas que están presentes integrantes da xudicatura viguesa, entre outros o ex-maxistrado e académico da Real Academia da Xurisprudencia Julio Picatoste.

O presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, Javier Menéndez Estébanes, abriu as conferencias cunha exposición sobre o concepto de persoa consumidora e a súa interpretación xudicial. Julia Sauri, maxistrada en Barakaldo, centrouse nas tarxetas revolving, mentres que a charla deJosé María Fernández Seijo (Barcelona) versa sobre o dereito europeo. Mañá ás dez abre a xornada Carlos Martínez de la Marigorta, maxistrado de Santander, cun relatorio sobre reclamacións no transporte aéreo, mentres que Begoña López Anguita (Madrid) falará de procesos de familia e dereitos dos e das menores nos xulgados de violencia de xénero. Celima Gallego (Móstoles) pechará o debate cunha charla sobre a vulnerabilidade das persoas consumidoras con diversidade funcional.

Galerias de imaxes

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 22 resultados.