O Xardín con Nome de Muller do Castelo de Soutomaior enriquécese coa chegada da nova camelia “María Casares”

A Deputación conmemorará o próximo martes o centenario do nacemento da actriz galega. Carmela Silva: “Queremos que haxa grandes referentes que sirvan a outras mulleres a querer ocupar espazos como o ocupou María Casares”

18/11/2022

Camelia María Casares

A “grandísima e recoñecidísima” actriz galega, María Casares, terá unha camelia co seu nome no Xardín de Camelias con Nome de Muller do Castelo de Soutomaior. A presidenta da Deputación Carmela Silva, sinalou que “temos moita necesidade de celebrar ás mulleres”, e recordou que, “queremos que haxa grandes referentes  que sirvan a outras mulleres, para querer ocupar os espazos como ocupou María Casares”.

Así, a institución provincial, ao fío do centenario do nacemento da actriz, celebrará un acto o próximo martes 22 de Novembro no Salón do Tapiz do Castelo no que a actriz Paula Sanmartín, caracterizada de María Casares, interactuará co público e ofrecerá un monólogo, acompañada polo pianista Martín Rodríguez, que coa súa música de fondo evocará o ambiente musical dos bares da época en París, onde Casares viviu e traballou.

Despois, plantarase no xardín a nova  camelia María Casares. Trátase dun exemplar de xapónica de cor rosa cun tamaño de pequeno a mediano. Foi orixinada por Begoña Franco no terreo do Chazo en Boiro, A Coruña, a partir dunha semente de camelia xapónica. A súa floración é moi temperá e duradeira, comeza en outubro e esténdese ata maio. A  flor da actriz será a novena camelia no xardín con nome de muller do Castelo, sumándose aos nomes de María Vinyals, Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro, Jane Andresen, Juana de Vega, Jimena Fernández de la Vega,  Sofía Novoa e Bella Otero.

Ligazóns de interese

audios

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 22 resultados.