O Castelo de Soutomaior contará cun ambicioso proxecto de iluminación monumental e paisaxística

É un proxecto cun orzamento de 2 millóns de euros, que a Deputación presentará á liña para BIC dos fondos europeos Next Generation, co que reducirá nun 70% o consumo enerxético

10/12/2022

Castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra acometerá un ambicioso proxecto de iluminación monumental e paisaxística no recinto do Castelo de Soutomaior que suporá unha importante posta en valor dos seus xardíns e bosques e da súa contorna exterior. Con el conseguirase, ademais, reducir ata nun 70% o consumo enerxético, un dos obxectivos fixados nas políticas provinciais en consonancia coa Axenda 2030 e as directrices europeas. De feito, a presidenta, Carmela Silva, sinalou “que a Deputación presentará esta iniciativa, que suporá un investimento superior aos 2 millóns de euros, á liña dedicada aos BIC dos fondos europeos Next Generation para seguir convertendo a provincia nunha referencia en turismo e xestión do patrimonio”.

Carmela Silva avanzou que o proxecto de iluminación no Castelo de Soutomaior consta dun “deseño lumínico eficiente, atractivo e experiencial onde permitiremos que a xente poida gozar do Castelo e do xardín e vivir experiencias únicas, poñendo en valor esta xoia arquitectónica de Galicia”. Por unha banda melloraranse as sendas do seu amplo xardín de excelencia internacional “para salientar a súa beleza” e, pola outra, iluminarase o recinto exterior da fortificación.

No marco do proxecto monitorizaranse e programaranse os consumos para mellorar a xestión e promover o aforro enerxético. Para iso, informou, “imos modernizar a instalación central, de tal forma que se poidan monitorizar e regular os consumos,  programar a iluminación ou crear alertas de avarías, cun sistema de control totalmente flexible e personalizable”. Ademais cada ámbito (o Castelo, os xardíns, as fontes, os estanques, os árbores, as sendas e os aparcamentos) dotarase de luminarias de tecnoloxía LED, “que permiten aforrar e non xeran as dificultades de CO2 doutros sistemas de alumeado”, sinalou a presidenta. Tamén se reformarán o centro de transformación, o local no que está situado este, os cadros eléctricos de todos os edificios e a instalación eléctrica. Por último, mellorarase a pavimentación de acceso á capela de San Caetano.

Os obxectivos que persegue a Deputación con esta actuación, ademais de embelecer a contorna do Castelo, son “mellorar a seguridade peonil, darlle ao público a posibilidade de desfrutar deste recinto en horario nocturno –coa instalación de máis de 250 balizas polas sendas peonís do recinto, máis de 50 proxectores e máis de 100 luminarias auxiliares para o castelo e as murallas– e tamén reducir nun 70% o consumo de enerxía eléctrica”, salientou a presidenta provincial.

Carmela Silva lembrou que “o Castelo estase a converter nun espazo patrimonial con moitísimas visitas, cada vez máis. Poucos castelos, pazos ou elementos de patrimonio construtivo teñen este número de visitas que, desde a súa musealización de 2018, ascende a preto de 140.000 persoas. Agora, ao poderse organizar novos tipos de visitas e actividades en horario nocturno a institución provincial busca seguir medrando os seus xa moi positivos datos de afluencia.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 18 resultados.