A Deputación converte ao Castelo de Soutomaior no epicentro do Nadal cunha ampla programación que inclúe luces, mercadiño e actividades familiares

Un grupo de elfas e elfos acompañaron a Carmela Silva no acendido do alumeado e na apertura do mercadiño que, ata o 8 de decembro, ofrece produtos de quilómetro cero procedentes de Cangas, A Estrada, Pontevedra, Soutomaior, Tomiño, Vigo e Vilaboa

02/12/2022

Iluminación de Soutomaior

O Castelo de Soutomaior converteuse desde esta tarde nun dos epicentros do Nadal na provincia tras a auténtica festa que se viviu no recinto co acendido das luces e co inicio da ampla programación que se desenvolverá nestas datas: mercadiño, visitas teatralizadas, obradoiros e buzón de soños. Un grupo de elfas e elfos acompañaron á presidenta da Deputación Carmela Silva, e a preto de 200 persoas, que participaron na conta atrás do acendido da espectacular iluminación led do Castelo que prendeu na torre da homenaxe, a do conde, a galería de damas, a muralla exterior e a construción principal da fortaleza, así como o bambán e as camelias máis senlleiras. A torre da homenaxe e a do conde conta con cortinas luminosas led de 1,5, 6 e 9 metros de caída con microleds de cor branca cálida. Pola súa banda a galería das damas, a muralla exterior e a construción principal presentan cortinas luminosas led de 1,5 meros de caída tamén de cor branca cálida e co mesmo efecto. As mesmas cortinas de 1,5 metros de caída pódense ver tamén dende esta tarde no Castelo de Sobroso, alumeado este ano por vez primeira, en cuxo recinto están dispostos cervos iluminados. A presidenta provincial expresou o desexo de paz e felicidade : “Temos convertido os castelos nunha auténtica festa do Nadal, en lugares de soños, máxicos, cheos de sorpresas e onde a xente vai ser moi feliz

Ademais de premer o botón de alumeado, Carmela Silva deu tamén o tiro de saída ao Mercadiño de Nadal, situado no xardín inglés de Soutomaior. O mercadiño, aberto ata o 8 de decembro en horario de 11.30 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, conta con postos con produtos de quilómetro cero entre os que se atopan Rosa Crespo Pintora (Cangas), Sidrería Ribela (A Estrada), Conservas Agrelo (A Estrada), Embutidos San Martiño (A Estrada), Maruxío Terra e Sal (A Estrada), Mel Cañedo (A Estrada), Queixería Leite Ulla (A Estrada), Libraría Paz (Pontevedra), Colleiteiros Reunidos de Soutomaior, Adega San Salvador (Soutomaior), Viveiros Río Tollo (Tomiño), Acemelia (Vigo), Conservas Connorsa (Vilaboa) e Obradoiro Hedra (Vilaboa).

Previamente ao acendido, a presidenta provincial visitou tamén o Muíño das Afreitas que abriu as súas portas para que todas e todos os que se acheguen ao Castelo coñezan o seu funcionamento e desfruten da última moenda para facer os doces típicos do Nadal. O muíño conta, amais, coa presenza “dunha familia misteriosa” que aledará ás visitas.

Ao longo de decembro, o Castelo tamén ofrece visitas teatralizadas aínda que as 660 prazas xa están esgotadas. Serán a cargo da compañía Troula e comezarán este sábado, 3 de decembro ás 12.00 horas e 16.00 horas. As visitas, que continuarán o domingo, e os días, 6, 8, 10, 11, 17, 18, 23, 29 e 30 de decembro ás 12 e 16 horas, implicarán ás familias na “recuperación” do esplendor do Castelo.  Pola súa banda os obradoiros, que teñen tamén as 180 prazas esgotadas, terán lugar os días 5, 7, 27 e 28 de decembro e o 3 e 5 e xaneiro ás 16.30 horas. Neste caso son actividades para a cativada de 5 a 10 anos baseadas nos seres mitolóxicos de Galicia como as pupeiriñas, o Apalpador, a moura ou os trasnos. Finalmente, está operativo tanto no Castelo de Soutomaior como no Castelo de Sobroso  o “buzón dos soños”, onde se recollen os desexos das nenas e dos nenos e tamén das e dos maiores.

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.