Máis de 300 persoas da provincia participan esta semana no programa “Depotermal” da Deputación
Este domingo parten preto de douscentos participantes na modalidade de pernoctación, mentres que máis de cen inician as saídas diúrnas o luns
18/11/2023
Máis de 300 persoas maiores de cincuenta anos de trinta concellos da provincia gozarán entre este domingo 19 e o venres 24 de novembro do programa “Depotermal” da Deputación de Pontevedra, con estadías no Hotel Carlos I Silgar en Sanxenxo, no Gran Talaso Hotel Sanxenxo, no Hotel Spa Norat Torre do Deza en Lalín e nas Termas de Cuntis; este último é o fixado para a estadía diúrna. Durante a súa estancia poderán gozar de actividades de animación sociocultural e de tratamentos gratuítos, coma sesións monitorizadas de activación muscular e articular, tratamentos dixestivos con augas medicinais, piscina terapéutica ou actividades para mellorar a mobilidade e a circulación, combater a dor e a inflamación, e reducir o estrés, entre outros moitos.
Deste xeito, este domingo comezan as estadías con pernoctación de tres grupos, que se aloxarán nos establecementos hoteleiros ata o venres 17 de novembro. A primeira destas expedicións, que conta con noventa persoas inscritas dos concellos da Cañiza, A Lama, Baiona, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Gondomar, Nigrán, Poio, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Vigo, partirá rumbo ao Hotel Carlos I de Silgar, en Sanxenxo. O segundo grupo, que irá ao Gran Talaso Hotel Sanxenxo, está composto por 57 persoas de Cambados, Cerdedo-Cotobade, Gondomar, Moraña, Nigrán, O Porriño, Tui e Vigo. Por último, 43 persoas dos concellos de Cangas, Catoira, Marín, Meaño, Moaña, Nigrán, O Grove, O Porriño, Pontevedra, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa gozarán dunha estadía no Hotel Spa Norat Torre do Deza en Lalín.
No que atinxe ás saídas diúrnas, 112 persoas dos concellos de Bueu, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Moaña, Moraña, Ponte Caldelas, Redondela, Soutomaior e Vigo gozarán dos tratamentos das Termas de Cuntis desde o luns 20 de novembro ata o venres 24.
O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra, dirixido ás persoas maiores de cincuenta anos, xubiladas, pensionistas, cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65 % ou que teñan acreditada a necesidade dun respiro familiar, ten como finalidade facilitarlles ás veciñas e veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, ao impulsar a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.
“Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoctación, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, beneficiaranse 2.447 persoas, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783, a asistencia con aloxamento.