Preto de 2.500 persoas de 57 concellos da provincia participaron este 2023 no programa “Depotermal”
O presidente, Luis López, destacou a importancia desta iniciativa “que permite fomentar o envellecemento activo e favorecer o acceso a actividades de ocio saudable ao tempo que dinamiza a economía da provincia, algo prioritario para este Goberno”
15/12/2023
Co regreso a casa este venres das 150 persoas que esta semana participaban en Sanxenxo na última quenda de “Depotermal”, a Deputación de Pontevedra pon o broche de ouro a esta iniciativa da que se beneficiaron, este ano, 2.500 persoas de 57 concellos da provincia. O presidente, Luis López, fixo balance deste programa que “permite fomentar o envellecemento activo e favorecer o acceso a actividades de ocio saudable ao tempo que dinamiza a economía da provincia, algo prioritario para este Goberno”.
O programa “Depotermal” desenvolveuse no último trimestre deste ano co obxectivo, tal e como explicou o presidente, de contribuír a “impulsar a creación e o mantemento de postos de traballo en períodos de menor actividade do sector turístico”. Deste xeito, das 2.500 persoas preto de 1.800 fixérono aloxándose nos establecementos termais e as restantes 700 gozando de tratamentos na modalidade diúrna, é dicir, trasladándose desde os seus domicilios.
Todas as persoas participantes eran maiores de 50 anos, xubiladas e pensionistas, ou con discapacidade igual ou superior ao 65 % ou acreditación de respiro familiar que se aloxaron en establecementos hoteleiros da provincia. Alí gozaron das súas piscinas terapéuticas así como dun amplo programa que incluíu actividades de animación sociocultural, sesións monitorizadas de activación muscular e articular, tratamentos dixestivos con augas medicinais, así como actividades para mellorar a mobilidade, a circulación, combater a dor e a inflamación e reducir o estrés.