Preto de 130 persoas gozarán desde este domingo do programa de termalismo da Deputación

O grupo, integrado por veciñas e veciños de Baiona, Cambados, Cangas, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Lama, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Tui e Vigo, gozará da modalidade de pernoctación de “Depotermal” en hoteis de Sanxenxo

26/11/2023

Preto de 130 persoas maiores de cincuenta anos gozarán entre este domingo 26 de novembro e o venres 1 de decembro do programa “Depotermal” da Deputación de Pontevedra, con estadías en complexos hoteleiros de Sanxenxo. Durante a súa estancia poderán gozar de actividades de animación sociocultural e de tratamentos gratuítos, coma sesións monitorizadas de activación muscular e articular, sauna, piscina terapéutica, aplicación de barros quentes e ducha circular, entre outros.

No Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo aloxaranse preto de oitenta persoas dos concellos da Baiona, Cambados, Cangas, Catoira, A Lama, Gondomar, A Guarda, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Tui e Vigo. Pola súa banda, o Gran Talaso de Sanxenxo acollerá un grupo de cincuenta persoas de Cangas, Catoira, Pontevedra e Vigo.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra, dirixido ás persoas maiores de cincuenta anos, xubiladas, pensionistas, cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65 % ou que teñan acreditado un respiro familiar, ten como finalidade facilitarlles ás veciñas e veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia ao impulsar a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

“Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoctación, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, beneficiaranse 2.447 persoas, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783, a asistencia con aloxamento.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.