Conta atrás para a transformación integral da estrada vella da Ponte das Achas nunha vía adaptada ao modelo de mobilidade segura da Deputación

Carmela Silva: “A ponte amosarase en toda a súa beleza e a contorna converterase nun espazo extraordinario para poder camiñar con seguridade”

07/06/2022

Visita á Ponte das Achas

O trazado antigo que discorre sobre a ponte románica das Achas sumarase ao modelo de mobilidade segura da Deputación de Pontevedra. A presidenta provincial, Carmela Silva, visitou a zona, acompañada do alcalde, Luis Piña, do deputado de Cooperación, Santos Hector, e de integrantes da Corporación municipal da Cañiza para dar a coñecer o proxecto á veciñanza. A obra ten un orzamento de 411.016 euros, dos que a Deputación achegará o 70% (287.711 euros) e o Concello asumirá o 30% restante (123.405 euros). O convenio xa foi aprobado polo Pleno da Cañiza a finais do pasado mes e terá o visto bo da Deputación na Xunta de Goberno desta semana. Quedará así o camiño expedito para a aprobación do expediente de contratación e a licitación das obras.

A presidenta provincial salientou a necesidade de actuar nunha ponte cun "enorme valor patriomonial" como é a das Achas, que se atopa nunha situación "intolerable" e que tralas actuacións "volverá a ser a ponte que nunca debeu deixar de ser". Neste senso, destacou a actuación do Concello ao poñerse en contacto coa Deputación para realizar esta obra, que é "moito máis ambiciosa do que estaba previsto", ao actuar ademais na contorna deste ben patrimonial. Carmela Silva lembrou que para facer realidade este proxecto o Concello fixo un " importante esforzo de xestión" ao traballar para a cesión dos 22 terreos afectados.

As obras permitirán que a Ponte das Achas "se amose en toda a súa beleza" e que a súa contorna se converta nun "espazo extraordinario para poder camiñar con seguridade e poder desfrutar e presumir dunha das pontes máis fermosas". Carmela Silva tamén se referiu ao modelo de mobilidade da Deputación que sitúa ás e os peóns no centro que está a "revolucionar a provincia" e incluso está recoñecido pola Unión Europea. "O modelo conta co apoio dos alcaldes e alcaldesas sen distinción da súa cor política. Vemos como o mundo local pon por enriba de todo o benestar da veciñanza".

Luis Piña puxo en valor que esta obra é unha "reivindicación e demanda do conxunto da veciñanza da Cañiza" e que vai alén desta "ponte histórica" ao realizar unha "actuación integral que afecta ao tránsito peonil e rodado en consonancia filosofía que defende a Deputación". O alcalde asegurou que a institución provincial "aceptou todas as liñas que lle formulamos" en relación ao proxecto e agradeceu a Carmela Silva o seu apoio. "Sen lugar a dúbida es a mellor presidencia da Deputación no período democrático, aquí están os datos e os feitos".

Peitoril de pedra para eliminar as varandas metálicas

A actuación de seguridade viaria e mellora da mobilidade peonil abrangue un treito de 560 metros de lonxitude no treito vello da EP-5002 entre os núcleos rurais das Achas e da Ponte que, maioritariamente, transcorren polo trazado antigo. Ademais dunha actuación de seguridade ten tamén gran relevancia patrimonial pois inclúe a recuperación da ponte das Achas, que agora está asfaltada e conta con antiestéticas varandas metálicas. O viaduto románico pasará a contar con pavimento de lastro de granito e as actuais varandas metálicas serán substituídas por un peitoril de pedra de 1,10 metros de altura.

No núcleo das Achas a Deputación construirá unha zona de convivencia, con plataforma elevada 10 centímetros e acabada en formigón gris escuro, previo saneo do pavimento existente. Tódalas canalizacións eléctricas e de telefonía serán soterradas. Na zona de contacto coas vivendas disporase unha cenefa con lousas rectangulares de granito. Ademais, a estrada pasará a contar cunha senda peonil ao longo da marxe dereita de 2,50 metros de ancho medio, tamén executada en formigón de cor gris escura, dende a zona de convivencia ata o núcleo da Ponte. A carón dela, os sobreanchos serán tratados con lastro de granito. Ata a zona da depuradora (situada entre ambos núcleos) disporase cuneta transitable entre a calzada e a nova senda. O firme no tramo a carón da senda será repavimentado con aglomerado en quente de 5 centímetros de grosor e será dotado tamén de drenaxe de augas pluviais con tubo de PVC de 400 mm. Colocaranse bancos de granito, nova sinalización horizontal e vertical, e rede de alumeado mediante luminarias LED con columnas de aceiro de 9 metros. O tráfico rodado, nesta nova vía que dá preferencia ao tránsito peonil, quedará ordenado o tráfico en dirección única en sentido Oeste-Este, é dicir en dirección As Achas-A Ponte. Con este fin ampliarase a zona verde existente na intersección e disporase unha sebe vexetal de buxos no linde coa senda.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 11 resultados.