A Deputación amosa á veciñanza da Cañiza a actuación que transformará a contorna da ponte das Achas

Cun investimento de 411.000€, o proxecto que xa está en licitación, porá en valor o viaduto románico e dotarán de seguridade viaria cunha senda peonil ao trazado antigo sobre a ponte

18/03/2023

Ponte das Acha en A Cañiza

O Centro Sociocultural de Coto Sobreiro foi o escenario do encontro coa veciñanza das Achas no que o deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, presentou xunto ao alcalde Luis Gómez Piña a ambiciosa actuación que se vai desenvolver na contorna da ponte e que suporá a total transformación desta área de gran relevancia patrimonial. A Deputación de Pontevedra está a axilizar os pasos para iniciar en breve estes traballos, que neste momento se atopan en fase de licitación cun orzamento de 411.000 euros e que se financian a través dun convenio entre a institución provincial e o Concello.

Na reunión cos e coas veciñas deste lugar da Cañiza, Gregorio Agís explicou polo miúdo este proxecto, axudándose das infografías que amosan a transcendencia e calidade da intervención proposta. Indicou que ata o 28 deste mes de marzo as empresas poden presentar as súas ofertas para a realización destas obras que buscan a mellora da seguridade viaria e a mobilidade peonil no trazado antigo que discorre sobre a ponte.

A actuación de mellora da seguridade viaria e a mobilidade peonil abrangue 560 metros de lonxitude no treito vello da EP-5002, entre o núcleo rural das Achas e a ponte, e foi posta como exemplo por Agís para que “a cidadanía saiba de que falamos cando falamos de transformación das infraestruturas da Deputación”. Neste espazo, acometerase unha actuación de gran relevancia patrimonial, xa que inclúe a recuperación da ponte das Achas, na actualidade asfaltada e con varandas metálicas que supoñen un elemento antiestético e anacrónico. Deste xeito, o viaduto románico pasará a contar con pavimento de lastro de granito e as actuais varandas metálicas serán substituídas por un peitoril de pedra de 1,10 metros de altura.

Os traballos tamén dotarán a estrada dunha senda peonil ao longo da marxe dereita, de 2,50 metros de ancho e executada en formigón gris escuro. Transcorrerá desde a zona de convivencia que se acometerá no núcleo das Achas, con plataforma elevada 10 centímetros e acabada en formigón gris escuro. O firme no tramo a carón da senda será pavimentado de novo e dotado tamén de drenaxe de augas pluviais. Ademais, todas as canalizacións eléctricas e de telefonía serán soterradas, colocaranse bancos de granito, e disporase nova sinalización horizontal e vertical mais unha rede de alumeado máis sostible mediante luminarias LED. Tamén se ampliará a zona verde e colocarán buxos no linde coa senda.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.