A Deputación adxudica a recuperación da contorna da antiga Ponte das Achas, na Cañiza, na que se investirán 380.000 €

Os traballos abranguen un tramo de medio quilómetro e permitirán a posta en valor do viaduto románico sobre o que discorre a EP-5002, na que tamén se habilitará unha senda peonil

19/05/2023

Rolda de Prensa

A Xunta de Goberno da Deputación vén de adxudicar por 379.285  € as obras de recuperación da contorna da antiga Ponte das Achas no Concello da Cañiza, que suporá a transformación desta área de gran relevancia patrimonial. A actuación, que ten un prazo de execución de seis meses, financiarase a través dun convenio no que a institución provincial aportará o 70% do investimento e o Concello o 30% restante, aínda que parte deste orzamento provén dunha achega do Plan Concellos. Trátase dun proxecto que permitirá a total renovación da zona, tal e como destacou a presidenta Carmela Silva, “non só no que se refire á seguridade viaria e á recuperación do espazo público, senón tamén como espazo moi atractivo para que se poida poñer en valor un turismo sostible, vinculado aos núcleos rurais con moita identidade”.

As obras teñen como obxecto a mellora da seguridade viaria e a mobilidade peonil no trazado antigo que discorre sobre a ponte, nun tramo de 560 metros de lonxitude no treito vello da EP-5002, entre o núcleo rural das Achas e o viaduto románico. Neste espazo, abordarase a recuperación da ponte das Achas que pasará de contar con asfalto a un pavimento de granito e das varandas metálicas a un peitoril de pedra de 1,10 metros de altura.

Os traballos tamén dotarán a estrada dunha senda peonil ao longo da marxe dereita, de 2,50 metros de ancho e executada en formigón gris escuro e que transcorrerá desde a zona de convivencia que se acometerá no núcleo das Achas, con plataforma elevada 10 centímetros acabada en formigón gris escuro. O firme no tramo a carón da senda será pavimentado de novo e dotado tamén de drenaxe de augas pluviais.  Ademais, todas as canalizacións eléctricas e de telefonía serán soterradas, colocaranse bancos de granito, e disporase nova sinalización horizontal e vertical e unha rede de alumeado máis sostible con luminarias LED. Tamén se ampliará a zona verde e colocarán buxos no linde coa senda.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.