A Deputación estrea o asfaltado da estrada a Luneda, que se completará cunha plataforma empedrada ao lado da capela de San Roque
Carmela Silva cumpre co compromiso adquirido coa veciñanza e lembra que a Deputación leva investidos 3,7 millóns de € nas vías provinciais da Cañiza
31/10/2022
A estrada EP-5206, que dá acceso ao núcleo rural de Luneda e que comunica os concellos de Arbo e A Cañiza, loce un novo aspecto tralas obras de asfaltado realizadas pola Deputación de Pontevedra na totalidade do seu trazado, de tres quilómetros. A actuación, que contou cun orzamento de 263.300 euros financiados integramente pola Deputación, foi visitada pola presidenta provincial, Carmela Silva, o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o alcalde da Cañiza, Luis Piña. Reuníronse baixo a cuberta do torreiro de San Roque –obra tamén financiada polo Plan Concellos- onde compartiron impresións cun grupo de veciños e veciñas que viñan reclamando a obra.
Carmela Silva amosouse orgullosa de “cumprir co compromiso” adquirido coa veciñanza de Luneda.“Eu non son de prometer; son de facer” e por iso quixo actuar nesta vía “que había 35 anos que non se tocaba”. Así, un lugar “tan fermoso” como Luneda conta agora cunha “estrada axeitada e rehabilitada na que as veciñas/os poden transitar tamén con seguridade”. Ademais, a presidenta anunciou a creación dunha plataforma empedrada no tramo entre a capela e o torreiro de San Roque para poñer en valor o patrimonio. “Será unha actuación respectuosa e con ela deixaremos humanizada toda esta contorna”, explicou.
A presidenta da Deputación comentou coa veciñanza que de camiño a Luneda “pasamos por moitas vías provinciais que foron unha realidade coa inversión desta Deputación, eu creo que a xente viva onde viva ten que ter servizos e dereitos”. “Nunca antes se investiu tanto na Cañiza como con esta Administración provincial: equipamentos, dotacións, saneamento, abastecemento, iluminación investimentos en camiños municipais e 3,7 millóns de euros soamente nas vías provinciais”.
Luis Piña agradeceu á Deputación as súa actuación nesta “parroquia especial e máxica situada no corazón da Paradanta” e manifestou a súa “felicidade e satisfacción porque había un compromiso que está feito, un compromiso por parte da presidenta coa veciñanza e co alcalde”. O alcalde agradeceu tamén a limitación da velocidade a 30 km/h, que se implantou no tramo central: “era unha petición das veciñas/os xa que é un lugar moi frecuentado sobre todo no verán, cunha praia fluvial e un torreiro do que desfrutan o conxunto de veciñas/os da Cañiza e as persoas visitantes”. O rexedor tamén fixo un repaso polos investimentos realizados pola institución provincial nos últimos anos e cualificou este mandato que está a piques de rematar como “extraordinario na acción da Deputación”. Así, entre outras cousas, que no concello da Cañiza existen “cinco rutas de sendeirismo e tres delas están financiadas ao 100% pola Deputación”.
3 Km de novo asfalto
As obras na EP-5206 abrangueron a totalidade do trazado da estrada provincial, de case 3 quilómetros, na que se procedeu á demolición do firme asfáltico, saneo e retirada de sobrantes así como ao fresado onde foi preciso. Unha vez preparada a plataforma aplicouse unha subbase de rachón debidamente compactada sobre a que se aplicou unha capa de saburra e pedra de macadam antes de aplicar a emusión asfáltica e o novo formigón bituminoso en quente. A estrada dotouse dunha tubaxe de drenaxe de PVC de 160 mm e procedeuse a un pintado completo, renovación da sinalización vertical e, ademais, instalación de “captafaros” para optimizar a seguridade en horario nocturno. No centro de Luneda dotouse de beiravías sinalizadas para as persoas que camiñan.
Nos últimos sete anos A Cañiza ten dado un salto cualitativo nas súas infraestruturas, nas que a institución provincial ten investido case 3,7 millóns de euros. Con estes fondos sufragáronse un total de 15 actuacións entre as que se atopan a reposición do firme e mellora da seguridade viaria na EP-5003 A Cañiza – Arbo (602.943 €); a rotonda de enlace da EP-5002 coa EP-5102 Ponte das Achas (496.636 €); a reforma do entorno do santuario da Franqueira (322.480 €); ou a reposición do firme na EP-5005 A Cañiza – Pousa (289.170 €). Do mesmo xeito, a Deputación está a recuperar a contorna da antiga Ponte das Achas cunha obra de mobilidade integral de máxima calidade que ten un orzamento de 411.016 euros, aportados entre a Deputación (70%) e o Concello (30%).