A Deputación apura os últimos trámites para pavimentar de forma integral a estrada de Luneda que une Arbo coa Cañiza
A obra, cun orzamento de licitación de 283.956 euros, súmase ás melloras xa acometidas na rede provincial de estradas na comarca da Paradanta
14/06/2022
As obras da estrada provincial EP-5206 que comunica o núcleo rural de Luneda (A Cañiza) comezarán en breve. A Deputación está a piques de pechar o prazo de presentación de ofertas entre as empresas interesadas en executar esta actuación, valorada en 283.956 euros, e que será un paso máis para a mellora das infraestruturas na comarca do Paradanta.
O proxecto que acometerá a Deputación abrangue a totalidade do trazado, de case 3 Km, entre o entronque coa contorna da ponte das Achas e o núcleo de Luneda (A Cañiza). As obras comezarán coa demolición do firme asfáltico actual con escavación, saneo e retirada de sobrantes. Tamén se procederá ao fresado onde sexa necesario. Unha vez preparada a plataforma aplicarase unha subbase de rachón debidamente compactada sobre a que se aplicará unha capa de saburra e pedra de macadam antes de aplicar a emusión asfáltica e o novo formigón bituminoso en quente. A estrada será dotada dunha tubaxe de drenaxe de PVC de 160 mm e procederase a un pintado completo, renovación da sinalización vertical e, ademais, instalación de captafaros para optimizar a seguridade en horario nocturno.
Esta estrada provincial, unha das sete que transitan polo concello da Cañiza, dá servizo ao núcleo de Luneda e comunica, ademais, esta zona co veciño concello de Arbo. Nos seus 2.984 metros de lonxitude, a vía absorbe tráfico local, cunha intensidade media diaria de 122 vehículos.