Carmela Silva reclama a “abolición xa” da prostitución na xornada organizada pola Rede Galega pola Igualdade

Carmela Silva: “Paréceme intolerable e indignante que en pleno século XXI haxa voces que neguen que a prostitución é a escravitude máis brutal que padecen as mulleres. Reclamo que se aprobe xa unha lei de abolición da prostitución, non hai nada máis perentorio”

08/10/2022

Rede Galega pola Igualdade

Ante un auditorio ateigado que encheu por completo a sala Rosalía de Castro da sede viguesa da Deputación e cun rotundo mensaxe abolicionista, a presidenta Carmela Silva deu o tiro de saída a xornada “Prostitución e pronografía. Razóns para a súa abolición” organizada este sábado pola Rede Galega pola Igualdade en sesións de mañá e tarde. Mulleres “moi potentes” do feminismo, profesoras universitarias, políticas e activistas da talla de Eva Ventín, Rosa Cobo, Amelia Tiganus, Layla Abdelkader, Helga Pita e Noa Díaz déronse cita no “acto máis importante que hoxe se está a celebrar en toda Galicia” -tal e como o cualificou Carmela Silva- para reflexionar sobre a lacra da prostitución e pornografía e reclamar a aprobación da Lei de Abolición da Prostitución.

“Hai que falar alto e claro -reclamou a presidenta Carmela Silva-. Paréceme intolerable, indignante e ademais enfádame moito que aínda hoxe no século XX haxa voces que neguen que a prostitución é a escravitude máis brutal que padecen as mulleres no mundo. Isto é insoportable. Enfadémonos. Poñámonos de pe, no centro, falemos alto e claro e berremos contra a prostitución e a súa abolición xa. Reclamo que se aprobe xa no Congreso dos Deputados unha lei de abolición da prostitución e se tomen medidas contra a pornografía. Non hai nada máis perentorio na axenda da igualdade”. A presidenta provincial, que marcou a postura “claramente abolicionista” da Deputación de Pontevedra, agradeceu o traballo “incesante e comprometido” que está a desenvolver a Rede Galega Pola Igualdade para “loitar contra as discriminacións e barbaridades ás que nos enfrontamos continuamente as mulleres”.

Neste eido a presidenta da Rede Galega pola Igualdade, Eva Ventín, quixo agradecer o apoio da presidenta provincial xa que “é fundamental para o avance da axenda feminista contar co compromiso das mulleres que están nos órganos do poder”. Ventín deixou claro que “a axenda feminista é abolicionista” e xustificou a importancia da xornada para “confrontar ideas e orixinar o cambio social necesario para visualizar todas as formas de violencias machistas, tomar conciencia para combatelas e loitar para defender os dereitos humanos”.

Pola súa banda a profesora de Socioloxía de Xénero da Universidade da Coruña, Rosa Cobo, fixo fincapé na necesidade de facer políticas abolicionistas. “Non podemos deixar pasar esta lexislatura sen que haxa unha lexislación abolicionista”, asegurou ao tempo que recordou que “levamos dende o 2000 colocando a prostitución no centro da axenda feminista, dixéronos que si moitas veces, temos estado ao borde e cando estamos aí, sempre se impide. Non hai ningunha razón para que non se poida aprobar esta lei”. Neste eido recordou que a prostitución “é un emprazamento estratéxico que nos proporciona claves para entender o sistema patriarcal e capitalista neoliberal, é unha alianza entre ámbalas dúas forzas” e explicou que “falar de prostitución é falar dun grupo de mulleres, cada vez máis amplo, explotado, vulnerable e de pobreza extrema que se sitúa nun lugar para que os varóns poidan acceder aos seus corpos nun acto de poder intolerable”. Tamén fixo fincapé, como outro dos motivos polos que facer políticas abolicionistas, en que “a prostitución é un dispositivo de socialización no que se educa a nosa sociedade” e na “obriga como sociedade de recoñecer ás mulleres prostituídas e criticar a unha institución que é fonte de violencia e devaluación do feminino”. Finalmente alertou sobre o “proceso de sexualización extrema, no que se alimenta a prostitución e ao que se someten as mulleres, que as priva de ser elas mesmas e convérteas en escravas dos varóns”.

Amais da conferencia “Capitalismo neoliberal e abolicionismo da prostitución” de Rosa Cobo, a xornada continuou coa activista feminista e supervivente da trata Amelia Tiganus, que falou sobre “A prostitución: o papel dos homes nesta institución patriarcal”. A inspectora da brigada UCRIF-Central Layla Abdelkader disertou sobre a “Trata de seres humanos, investigación e detección de vítimas”, e Helga Pita, coordinadora en Galicia da ONG Fiet Gratia, centrouse na “Detección e intervención en situación de trata e prostitución”. Finalmente, a deputada no Parlamento Galego, Noa Díaz abundou no “Horizonte normativo da abolición da prostitución”. Todas elas reflexionaron sobre a prostitución e pornografía como actividades misóxinas e machistas, que vulneran os dereitos das mulleres e nenas, amais de manter unha firme posición abolicionista como a única vía de solución desta “dramática situación na que se atopan millóns de mulleres no mundo”.

Galerias de imagenes