A violencia sexual, a cultura da violación e a igualdade na universidade, eixos de debate da primeira xornada do II Encontro Nacional de Políticas Públicas

Grandes referentes do feminismo do Estado como Chis Oliveira, Priscila Retamozo, Luisa Posada, Rosa Cobo, Soledad Murillo, Rosa San Segundo, Isabel Menéndez, Inma Pastor e Águeda Gómez afondaron nos retos pendentes da igualdade

01/06/2022

Encontro Nacional de Politicas Publicas

A violencia sexual e a cultura da violación, a igualdade na universidade e os retos pendentes na docencia e investigación marcaron as mesas de debate da primeira xornada do II Encontro Nacional de Políticas Públicas da Escola de Igualade María Vinyals da Deputación que se desenvolverá ata o mediodía de mañá, 2 de xuño, no Castelo de Soutomaior. Grandes referentes do feminismo do Estado como Chis Oliveira, Priscila Retamozo, Luisa Posada, Rosa Cobo, Soledad Murillo, Rosa San Segundo, Isabel Menéndez, Inma Pastor e Águeda Gómez, déronse cita hoxe no castelo para situar no centro do debate e das políticas públicas á igualdade.

A catedrática de Filosofía e coordinadora de “Comando Igualdade”, Chis Oliveira e Priscila Retamozo, politóloga e coordinadora do proxecto coeducativo “Canteira de Igualdade”, afondaron na “Violencia sexual en adolescentes”. Ambas conferenciantes acercaron estratexias para substituír narrativas patriarcais e neoliberais por relatos feministas que procuren o pracer das mulleres e reclamaron combater a sexualidade machista para evitar a violencia sexual. As conferenciantes detivéronse na sexualidade na adolescencia, fortemente enmarcada nas estruturas de sexo-xénero, nos roles diferenciados prescritos polo patriarcado para cada un dos sexos, no marco conceptual no que se inscribe a violencia sexual, no papel da pornografía, a primeira lectura que teñen as mozas e mozos sobre a sexualidade, na educación sexual a adolescentes ou en fenómenos actuais como “onlyfans”.

Así, Chis Oliveira destacou que “herdamos unha idea de sexualidade, unida ao concepto de reprodución, que temos que reconstruír e desbotar para impulsar unha sexualidade pracenteira, que se enmarque na comunicación, no entendemento, no afecto, na consideración e no respecto”. Tamén fixo fincapé en que “as relacións sexuais son cada vez máis precoces o que implica que nenas e nenos estean entrando en campos onde non se senten cómodas/os, seguras/os, e teñen moitos medos que non están a ser atendidos. Esta é unha demanda que está sen cubrir por ningunha administración”. Neste eido Priscila Retamozo apelou á necesidade de “impulsar unha política pública que se tome con seriedade a prevención da violencia sexual”. “As políticas públicas -engadiu- teñen que previr esas situacións e non estamos facendo nada nas aulas para previr a violencia sexual. Isto non está sistematizado”. Tamén remarcou que “estamos enfocando mal o problema, estamos facendo unha sexualidade reproductivista, o que está a provocar que a mocidade aprenda como relacionarse nun ámbito tan importante noutros lugares, imitando o que cren que ten que ser”.

A continuación tivo lugar a mesa de debate sobre a “Violencia sexual, cultura da violación e da explotación sexual” na que interviñeron Luisa Posada, profesora titular de Filosofía da Universidade Complutense de Madrid, e Rosa Cobo, profesora da Universidade da Coruña. Luisa Posada partiu da necesidade de entender que o problema da violencia contra as mulleres é tamén o problema do discurso ou do relato da cultura. Así, puxo exemplos do legado de pensamento e, a partir de aí, tratou de aplicar a teoría feminista como teoría crítica ás reflexións e análises sobre a violencia patriarcal, especialmente a física e sexual, para concluír afirmando que esta violencia leva a falar dunha cultura da violación. “A violencia contra as mulleres non é un drama persoal, senón unha traxedia de xénero que esixe urxentes e profundas solucións políticas”, sinalou a profesora, que tamén incidiu en que “vivimos nunha cultura da violencia contra as mulleres e da violación que non é outra cousa que a contrareacción patriarcal para desempoderar ás mulleres”. Apuntou que tralas anteriores conquistas, o que o feminismo está sacando neste momento á rúa “e converténdoo nun movemento de masas é unha insurrección, unha rebelión contra esa violencia patriarcal”. “O feminismo -engadiu- ten que crear nos sectores sociais e nas mulleres mozas conciencia crítica, é dicir, que non se queden só en condenar os efectos máis cruentos desta violencia, os asasinatos, senón que tomen conciencia que esta violencia ten unhas causas claras, radicadas na desigualdade; é unha violencia estrutural ao sistema patriarcal”. Neste senso, aínda que se amosou optimista, Posada afirmou que esta violencia “é unha violencia que existirá sempre mentres ese sistema patriarcal exista”.

Pola súa banda Rosa Cobo afondou na prostitución e na pornografía, dúas caras da explotación sexual inscritas no marco da violencia sexual. Para a profesora e escritora, ambas funcionan como mecanismos fundamentais de socialización e son tamén estratexias de desenvolvemento para que países que elixiron esta economía ilícita puidesen engancharse ao mercado global. “A prostitución e pornografía -asegurou- son dúas formas brutais de violencia sexual contra as mulleres, que compromete non soamente a ese pequeno grupo de mulleres explotadas, senón que ten efectos sobre o imaxinario de todas as mulleres e a consideración que a sociedade ten delas”. Así, Cobo asegurou que considerar “a prostitución como forma brutal e criminal de violencia sexual non forma parte do voluntarismo dun grupo reducido de feministas, senón que é o resultado dunha lóxica política e analítica que ten desbordado á sociedade”. E engadiu que tanto a prostitución como a pornografía “teñen unha raíz moi profunda que teñen que ver coas lóxicas do capitalismo neoliberal e co sistema patriarcal. Non se poden entender fóra do capitalismo, que ten articulado estas realidades nun mercado, nin fóra do sistema racial-cultural. Trátase dun mercado global, barato, accesible e permanentemente sometido a discursos de lexitimación, tratando de conseguir a súa ampliación e consolidación”. Así, para loitar contra elas, propuxo políticas públicas abolicionistas da prostitución que permitan “perseguir o proxenetismo, sancionar aos puteiros e poñer en funcionamento estratexias integrais para as mulleres que están en prostitución” e eliminar a prostitución en aberto.

A igualdade na universidade e os retos pendentes na docencia e investigación

Xa pola tarde, o II Encontro de Políticas Públicas da Escola María Vinyals arrancou dando resposta á pregunta “Que lugar ocupan os estudos feministas na universidade?”, coa participación de Soledad Murillo, profesora de Socioloxía da Universidade de Salamanca, e Rosa San Segundo, presidenta de EUFEM, a plataforma que agrupa aos centros e institutos de estudos feministas e de xénero. Murillo baseou a súa intervención en eixos como as motivacións para incluír na Lei de Igualdade Efectiva as Unidades de Igualdade nas Universidades, no control e na memoria nas organizacións do saber, na necesidade de evitar converter as Unidades de Igualdade en lugares de xestión pública, nos retos e aprendizaxes doutras entidades públicas e nas estruturas de alianzas.

Rosa San Segundo fixo fincapé na necesidade de impulsar o recoñecemento dos estudos feministas e de xénero, non recoñecidos no noso país, como área científica-técnica. Propuxo promover o financiamento de proxectos de investigación e publicacións que favorezan a difusión destes estudos e impulsar a composición paritaria de todas as instancias, así como a incorporación de persoas expertas en estudos feministas e de xénero no relativo ás acreditacións profesionais. Tamén afondou na necesidade de impulsar a formación en igualdade no ensino superior para promover un pensamento crítico.

Finalmente, o encontro pechou a súa primeira xornada cunha mesa de debate sobre “Igualdade na docencia e investigación: retos pendentes” na que participaron Isabel Menéndez, da Universidade de Burgos; Inma Pastor, da Universidade Rovira i Virgili de Barcelona; e Águeda Gómez, da Universidade de Vigo. Isabel Menéndez destacou que a existencia de leis de igualdade xeraron “un espellismo de igualdade”  e, en consecuencia, as institucións de educación superior sofren a cegueira de xénero. Segundo Menéndez os logros son de baixa intensidade, debido ao baixo compromiso institucional e orzamento case inexistente, e impiden construír unha auténtica cultura da igualdade nas universidades.  Tamén fixo fincapé na tensión existente entre a igualdade formal e o rexeitamento ás políticas que poden axudar a acadar a igualdade real.

Inma Pastor presentou un balance dos avances conseguidos en materia de igualdade nos últimos anos nas universidades españolas. Así, detallou que se deron avances institucionais como as indicacións da Unión Europea en materia de financiamento para universidades e centros de investigación e tamén os requirimentos do Plan Nacional en relación á perspectiva de xénero nos proxectos. Aínda que afirmou que en materia de docencia os avances son menores, destacou iniciativas como as desenvolvidas pola axencia catalá AQU nos procesos de acreditación de títulos universitarios.

Pola súa banda Águeda Gómez detívose na escaseza de arquitectura institucional nas políticas públicas de igualdade nas universidades e na limitación de recursos humanos e económicos para desenvolvelas de forma eficaz. A profesora destacou que  entre as fortalezas e oportunidades en relación á investigación atópase o  programa “Horizonte Europa”, que está a xerar un forte cambio na cultura organizacional dos equipos e centros de investigación nas universidades. Xa en canto á docencia, Gomez puxo en valor a experiencia positiva da AQU da que falou Inma Pastor.

O II Encontro Nacional de Políticas Públicas da Escola de Igualdade María Vinyals continuará mañá, 2 de xuño, no Castelo de Soutomaior onde a partir das 9.30 horas da mañá e ata as 14.00 horas se darán cita Victoria Rosell, Anna Caballé, Alba González e Asunción Bernárdez, que afondarán, ademais de na violencia contra as mulleres, na resignificación do patrimonio literario e na igualdade na cultura.

Galerias de imaxes

videos