A Escola María Vinyals da Deputación enfila a recta final do ano potenciando a “Canteira de Igualdade” e co segundo curso en liña sobre a Axenda Feminista

Canteira levará a cabo ata decembro os obradoiros nos institutos, previos ao curso dirixido á mocidade de xaneiro a abril. A acción coordinada por Rosa Cobo arranca o 13 de outubro coa inscrición aberta a través da web da Deputación

28/09/2022

Actividades Igualdade

A Escola María Vinyals da Deputación afronta este último trimestre do ano con dúas novas accións formativas, neste caso centradas na nova andaina da “Canteira de Igualdade” para seguir sumando entre a mocidade axentes do cambio feministas, e a segunda edición do curso en liña coordinado por Rosa Cobo sobre os “Debates teóricos e a Axenda Política Feminista”. A presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada das promotoras da Canteira de Igualdade, Priscila Retamozo, Mercedes Chis Oliveira, Amada Traba e Luisa Abad, presentou hoxe estas iniciativas coas que a Deputación, subliñou, “segue a poñer a igualdade no centro de todas as súas políticas como a máxima prioridade; seguramente esta administración provincial sexa unha das principais do Estado que máis discurso ofrece para loitar contra a desigualdade”.

No caso da Canteira de Igualdade, que Chis Oliveira definiu de forma rotunda esta formación gratuíta para a mocidade “como unha iniciativa revolucionaria e pioneira no Estado”, foi posta en valor pola presidenta Carmela Silva quen destacou o éxito deste programa posto en marcha o pasado ano, co que rapazas e rapaces participaron nas accións formativas “que permiten que axente moza siga levantando a bandeira máis decente que existe, a da igualdade; porque cando se fai política de igualdade en serio, hai moita xente moza que se suma”. “Este é un proxecto –sinalou- co que cremos que estamos a ser unha referencia ao poñer en marcha este tipo de oferta que debería estar no centro da educación, e certamente non é así en moitísimos casos. É un programa con contidos moi potentes que viu para quedarse, incluso temos que buscar fórmulas para ampliar e chegar a máis centros e máis mulleres e homes. A sociedade, dixo, aplaude estas cuestións, por máis que algúns energúmenos estes días estean a negar as situacións dramáticas que padecemos como que nos asasinen polo feito de ser mulleres”.

O programa contempla, ao igual que na súa anterior edición, dúas fases, a primeira de formación en institutos co desenvolvemento de 8 obradoiros ata decembro, dirixidos ao alumnado que seleccione cada centro participante e que impartirán as promotoras da iniciativa. Eses “petiscos” serán o xerme do curso presencial gratuíto dirixido á mocidade  que se desenvolverá desde o 28 de xaneiro ata finais de abril do 2023 na sede da Deputación en Vigo, para seguir a formar axentes do cambio feministas, con 50 horas de formación teórica e práctica durante as mañás dos sábados, das que 10 serán de traballo persoal.

Os contidos dos obradoiros abordarán cuestións como as discriminacións ás mulleres nas súas distintas formas ou o papel das novas tecnoloxías, sempre con contidos “imprescindibles e atractivos, pensados para conectar coa Xeración Z, para que saiban que a igualdade vai con elas e con eles”, como apuntou Priscila Retamozo, quen destacou “a formación moi completa” que se ofrecerá na actividade. Subliñou así mesmo que “a mocidade que queira coñecer a outra xente coas mesmas inquedanzas ten aquí un espazo seguro onde poderá aprender das mellores, e coñecer a outras rapazas e rapaces que teñen os mesmos intereses; a experiencia do ano pasado foi alucinante”. Neste senso, Luisa Abad, destacou que se trata “dunha aprendizaxe entre iguais, que permite analizar cousas e ver entre todas e todos que a situación non é tan idílica como parece; moitas cousas que nos veñen dadas teñen debaixo unha desigualdade evidente que poñemos de relevo”.

Chis Oliveira agradeceu á Deputación esta aposta. “É un puntazo, porque non podemos deixar que a formación da mocidade estea en mans de que nos institutos ou facultades teñan un ou unha profesora que se axeite a este tipo de sensibilidade”. Lembrou que a Canteira está inspirado no proxecto Comando Igualdade e a Deputación “espalla agora o proxecto a todos os centros da provincia”. No curso, engadiu, falarase “de educación afectivo sexual, de todo o que é vivir, vivir en relación, nos afectos, o noso corpo, os amores os desamores, a sexualidade, e todos estes temas que nos preocupan, con formadoras de primeiro nivel: Son obradoiros cunha participación activa, non leccións maxistrais”. Pola súa banda,  Amada Traba fixo fincapé no método que se aplicará, “con obradoiros nos que non se trata de que sexan esponxas, senón de que participen”. “Cada persoa con formación –indicou- ten capacidade para enfrontarse a este mundo de fake news”.

Curso en liña coordinado por Rosa Cobo

Por outra banda, o curso en liña “Debates teóricos e Axenda Política Feminista” arrancará o vindeiro 13 de outubro e desenvolverase os xoves (de 19 a 21 horas) ata o 1 de decembro de novo baixo a coordinación de Rosa Cobo, doutora en Políticas e Socioloxía da Universidade da Coruña. Serán oito sesións a través da plataforma Zoom que ofrecerán nove mulleres referentes que abordarán os principais debates teóricos desde o pensamento feminista, analizando os obxectivos prioritarios da axenda política das mulleres. O aforo é limitado e as persoas interesadas poderán inscribirse desde este mércores a través do formulario que atoparán na páxina web da Deputación. Emitirase diploma acreditativo ás persoas que realicen as 16 horas.

O programa arrancará coa sesión dedicada ao “Feminismo: tradición intelectual e movemento social. Orixes do feminismo e desenvolvemento histórico. A cuarta onda feminista e o seu corpo vindicativo” que impartirá Rosa Cobo o  13 de outubro. Continuará o xoves 20 con Carmen Ruíz Repullo, da Universidade Pablo Olavide  de Sevilla, que abordará os “Debates feministas ao redor da violencia sexual” e despois o día 27 coa xornada sobre “O imaxinario pornográfico e o dominio masculino”, a cargo de Beatriz Ranea, da Universidade Complutense de Madrid, e Lydia Delicado, da Universidade de Alacante. Xa no mes de novembro, o día 3 Rosa Cobo volverá intervir para falar sobre “A prostitución na intersección de tres sistemas de poder: patriarcado, raza e clase. Debates abolicionistas”, mentres que o xoves seguinte, 10 de novembro, o curso abordará o tema dos “Ventres de aluguer: explotación reprodutiva e feminización da pobreza”, coa sesión que impartirán Laura Nuño, Universidade Rey Juan Carlos e María Luisa Balaguer, docente da Universidade de Málaga e maxistrada do Tribunal Constitucional.

As “Críticas feministas á democracia. Mulleres e poder político. Democracia paritaria” a cargo de Mar Esquembre, da Universidade de Alacante, centrarán a xornada do 17 de novembro, mentres que “A crítica feminista ao capitalismo neoliberal. A política sexual do novo capitalismo” será o tema sobre o que disertará Carmen Castro, economista, feminista e asesora en políticas de igualdade o 24 de novembro. Pechará o ciclo o 1 de decembro Luisa Pousada Kubissa, da Universidade Complutense de Madrid, que falará das “Orixes e supostos do pensamento queer: o debate sobre o suxeito político do feminismo”.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.