A Deputación abre a inscrición para a xornada “A relación entre o sexo, o xénero e as enfermidades” da Escola de Igualdade María Vinyals
Impulsada pola Deputación e CINBIO, terá lugar o 14 de decembro e contará coas doutoras Paloma Morán, Diana Valverde, Mónica Martínez, Virgina Leiro e o doutor Carlos Spuch
06/12/2022
A estreita relación entre o sexo, o xénero con distintas enfermidades centrará a próxima xornada da Escola de Igualdade María Vinyals. A Deputación de Pontevedra xunto ao Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) vén de abrir o prazo de inscrición para asistir a esta actividade formativa, que terá lugar o mércores 14 de decembro entre as 9.00 e 14.00 horas no Salón de Plenos do Pazo Provincial, e contará coa participación das doutoras Paloma Morán, Diana Valverde, Mónica Martínez e Virgina Leiro, amais do doutor Carlos Spuch.
A xornada “A relación entre o sexo, o xénero e as enfermidades”, comezará ás 9.00 horas coa apertura da presidenta da Deputación Carmela Silva, previa á primeira conferencia impartida pola doutora e editora asociada de BMC Genomics, Paloma Morán, e a catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Vigo, subdirectora do CINBIO e investigadora principal do seu Grupo de Enfermidades Raras, Diana Valverde.
Ás 10.15 horas terá lugar unha segunda conferencia sobre “Cancro” a cargo de Mónica Martínez, doutora con mención europea en Xenética, que traballou no Instituto do Cancro na UCL de Londres e que dende xaneiro de 2021 lidera a Unidade de Oncoloxía Molecular Traslacional do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Pola súa banda Virginia Leiro, doutora en Neumoloxía e neumóloga no Hospital Álvaro Cunqueiro, afondará a partir das 11.00 horas nas enfermidades pulmonares e a partir das 12.15 o doutor en Neurociencia Carlos Spuch centrarase nas enfermidades neurodexenerativas. Entre as 12.00 e 14.00 horas terá lugar a mesa redonda de peche da xornada.
As persoas que desexen formalizar a súa inscrición en “A relación entre o sexo, o xénero e as enfermidades” poden realizalo a través do formulario www.depo.gal/web/edepo/-/xornada-sobre-a-relacion-entre-o-sexo-o-xenero-e-as-enfermidades.