A Deputación e Agapi organizan unha xornada sobre a conciliación na produción audiovisual

O Pazo da Deputación acollerá o 28 de febreiro unha mesa de debate enmarcada na Escola de Igualdade María Vinyals na que participarán as directoras e produtoras Paula Cons, Jaione Camborde, Gael Herrera e Adriana P. Villanueva

16/02/2023

A Deputación de Pontevedra volve colaborar coa Agapi (Asociación Galega de Produtoras Independentes) con novas accións que buscan reflexionar e formar arredor da conciliación e a posta en valor das mulleres do sector da produción audiovisual. Será a través de dúas actividades: a primeira delas, a mesa de debate ‘Conciliación na produción audiovisual, o reto silenciado pendente’, organizada no marco da Escola María Vinyals de Igualdade, terá lugar o 28 de febreiro no Pazo Provincial, e a segunda, o roteiro ‘Elas, produtoras executivas’ percorrerá diversos centros de Educación Secundaria da provincia.

A mesa redonda ‘Conciliación na produción audiovisual, o reto silenciado pendente’ celebrarase o martes 28 de febreiro ás 19:00 h no Salón de Plenos. Nela analizarase a conciliación na produción audiovisual, abordando cuestións como as dificultades á hora de conciliar a vida laboral e familiar, os retos que enfrontan as mulleres embarazadas para organizar a súa substitución, o papel que teñen no sector unha vez son nais, a multitarefa ou a necesidade de escoller entre coidados ou asumir unha carga extra poucas veces recoñecida.

Catro mulleres cineastas, produtoras, directoras e nais contarán as súas experiencias no debate moderado por Uxía Caride, xerente de AGAPI. Participarán a produtora e directora Paula Cons, a produtora executiva Gael Herrera, a produtora e directora Jaione Camborda e a produtora e directora Adriana P. Villanueva. As inscricións son de balde até completar aforo e requiren inscrición previa a través do formulario habilitado na web da Deputación.

Alumnado de Educación Secundaria coñecerá a situación das produtoras galegas

Tamén no marco de colaboración con AGAPI, a Deputación e a asociación organizan o roteiro ‘Elas, produtoras executivas. Unha iniciativa para o apoderamento feminino’, que percorrerá diversos centros de ensino da provincia. A actividade busca dar visibilidade ás mulleres do sector audiovisual galego, pouco coñecidas en relación á fortaleza e recoñecemento dos que goza o sector, e en relación ao seu excelente nivel de desempeño en labores como a produción executiva ou a dirección. Cómpre salientar que Galicia é a única comunidade autónoma do Estado con máis produtoras executivas que produtores.

O roteiro está dirixido ao alumnado de 4º da ESO por ser inmediatamente anterior ao Bacharelato, etapa crucial na selección e dirección dos estudos do futuro, e busca aumentar o interese no feminismo, incrementar a conciencia crítica da xuventude, descubrir en que consiste a produción executiva e dar visibilidade ás produtoras executivas galegas. Constará da proxección do documental ‘Elas, produtoras executivas’, unha peza producida por AGAPI de 26 minutos de duración que pon en valor o traballo das produtoras executivas contado en primeira persoa por elas mesmas, e que ten un alto valor simbólico ao poder ser un referente para espertar vocacións entre a mocidade. Á finalización da proxección, terá lugar un espazo de debate feminista con algunhas das protagonistas do documental, que falarán sobre as súas experiencias, a súa traxectoria así como sobre os seus plans de futuro. Os debates estarán moderados pola xornalista Mónica V. Lopo e participarán mulleres como Paula Cons, Amalia Mato, Alba Prol, Silvia Fuentes, Mónica Hidalgo, Beli Martínez, Ruth Chao, Alba Gallego, Sofía Arangüena, Adriana P. Villanueva, Gael Herrera, Olaia Ledo, Chelo Loureiro, Laura Doval ou Nina Hernández.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.