O Castelo de Soutomaior énchese coa reivindicación da industria cultural para impulsar un ecosistema digno

A xornada “Coidar de nós para coidar da cultura”, organizada pola Deputación e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, concentrou a máis dun centenar de profesionais do sector

02/03/2023

Xornada coidar de nós no Castelo de Soutomaior

O Castelo de Soutomaior encheuse para acoller as reivindicacións e reclamacións do sector cultural para crear un ecosistema digno, que protexa e coide as traballadores e traballadores desa industria para poder salvagardar o futuro tanto do propio sector como, en definitiva, da cultura galega. Foi a través da xornada “Coidar de Nós para Coidar da Cultura. Cara a uns Modelos máis Sustentables de Traballo na Xestión Cultural”, organizada pola Deputación en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), e que esgotou todas as prazas dispoñibles. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do presidente da AGPXC, Carlos Lorenzo, e do comisario da xornada, Sergio Lago, inaugurou esta actividade, na que se deron cita máis dun centenar de profesionais do sector cultural, situando como “prioridade da actuación política a planificación estratéxica da cultura” e reclamando maiores investimentos “non só para que a xente goce, senón porque a cultura ten un gran poder transformador e xera pensamento crítico”.

A presidenta Carmela Silva salientou que na cultura “estamos facendo moitas cousas ben, e de feito vivimos unha gran revolución cultural, pero tamén se veñen arrastrando moitas cuestións que precisan unha resolución” para responder as dificultades do sector, como a atomización, a intermitencia laboral, a escasa oferta de emprego estable ou o déficit de persoal formado nas institucións públicas. Carmela Silva puxo en valor o compromiso da Deputación coa cultura “malia que temos recursos escasos, a metade dos que poden ter cidades como Vigo ou A Coruña” e enxalzou o escenario da xornada, o Castelo de Soutomaior, “que fala do legado cultural do que somos herdeiras e herdeiros as persoas que vivimos aquí e as que vos dedicades á cultura”. A fortaleza, sinalou, “foi un centro cultural especialmente cando a súa dona foi unha muller –María Vinyals– que o converteu nun espazo de encontro” por onde pasaron “os mellores pintores/as, escritores/as como Rosalía de Castro ou Castelao, tiña un teatro, e a propia María Vinyals foi escritora e fotógrafa”.

Pola súa banda, o presidente da AGPXC, Carlos Lorenzo, agradeceu a Deputación por ser “cómplice habitual” e por “sumarse á nosa inquedanza de traballar a prol dunha cultura mellor e dun eixo vertebrador, a xestión cultural, máis sólida e mellor artellada”. Carlos Lorenzo, quen amosou a súa ledicia polo “nivel de afluencia” da xornada, asegurou que “parecíanos fundamental falar das condicións coas que traballamos as persoas profesionais da cultura: non só laiarnos senón reflexionar para mudar esta situación”. Ademais incidiu na necesidade de “facer ver á sociedade o seu valor: na pandemia todo o mundo puxo en valor a cultura, pero xa se esqueceu o noso valor social”.  Tamén tivo palabras de agradecemento o comisario da xornada, Sergio Lago, tanto para o público, “por acompañarnos nesta xornada e esgotar todas as prazas dispoñibles”, como para a Deputación “por acollernos e facer posible o día de hoxe”.

Jorge Fernández León, membro do grupo de traballo sobre cultura e contorna rural da Rede Española para o Desenvolvemento Sustentable (REDS), e Gemma Carbó, directora do Museo da Vida Rural da Fundación Carulla (L’Espluga de Francolí, Tarragona) e presidenta da fundación INTERARTS, mantiveron unha conversa sobre sustentabilidade e traballo cultural. Jorge Fernández León sinalou que “a maioría do traballo cultural non está suficientemente conectado coa comunidade, é un campo que aínda precisa ser penetrado por outras visións”. Tamén se referiu a un modelo de concentración cultural fronte aos intentos de crear industrias domésticas: “é o mesmo falar do fondo de investimento americano que se fixo con todos os macrofestivais de música españois que dos modelos críticos que aínda subsisten e nos que temos capacidade de intervención?”, sinalou.  Gemma Carbó engadiu que o diñeiro público en cultura estase destinando ao entretemento e remarcou que “somos o único sector que non inviste en I+D”. Carbó sinalou a precariedade dos traballos que se lle ofrece á xente nova, e asegurou que “atopamos un cambio de mentalidade respecto á idea de medrar profesionalmente no mesmo espazo”. A consecuencia, dixo, é “que seremos un sector envellecido, sen capacidade de conversa entre maiores e xente nova”.

Na xornada tamén tivo lugar unha mesa de experiencias con perspectivas institucionais onde participaron Fernando Cerón, conselleiro técnico da Dirección Xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación do Ministerio de Cultura; Pilar Portela, coordinadora de Música e Danza na Axencia Galega das Industriais Culturais e representante da AGPXC na comisión de profesionalización da Federación Estatal de Asociacións de Xestores Culturais; e Tere Badía, investigadora e xestora cultural. Fernando Cerón sinalou que o sector cultural supón en España o 3,5% do PIB, “o mesmo que a agricultura”, e explicou o proceso de traballo interministerial no desenvolvemento do Estatuto do Artista durante os últimos dous anos. “É a primeira vez que se traballa en marcos legais e específicos para a actividade cultural, creando un novo concepto de actividade cultural, e asumindo a intermitencia nos contratos de cara á protección e cotización das e dos traballadores culturais”. Pilar Portela explicou os traballos desenvolvidos pola Federación Estatal de Asociaciones de Gestores Culturales a prol da profesionalización e definición da figura de xestor/a cultural. Pola súa parte, Tere Badía explicou que no ámbito europeo as análises dos efectos da pandemia no sector foron devastadores e serviron de revulsivo para abrir unha etapa de novos retos e oportunidades. “En 2020 descendeu nun 31% o volume de traballo, perdéronse 200.000 millóns de euros de ingresos e milleiros de postos de traballo”, informou, e engadiu que un 33% do persoal da cultura é autónomo.

As protagonistas da mesa redonda sobre perspectivas profesionais foron Patricia Hermida, manager, produtora, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais e socia fundadora de Mujeres de la Industria Musical; Fran Quiroga, investigador transdisciplinar e coordinador xeral en Concomitantes; e Alejandro Nieves, xestor e comunicador cultural. Fran Quiroga asegurou que “un elemento fundamental é a idea de valor, valorizar o traballo da cultura non só económico senón social, de cohesión de comunidades para facer a vida da xente máis feliz, e que non sexa cuestionado ao igual que o do persoal médico nin aos avogados ou avogadas”. Así, asegurou, “despois retribuirase de xeito acorde”. Patricia Hermida reflexionou sobre a necesidade de “desapegarnos da relación tóxica que temos coa cultura, co amor pola nosa disciplina, e o enganche que supón ser parte desta dinámica, un remuíño que arrasa por onde pasa porque todo vén a última hora”. “Temos que poñerlle límites e ser conscientes deles para construír un sector menos insán”, asegurou. Pola súa banda, Alejandro Nieves reflexionou sobre que o sector “peca de minifundismo, sen unirse nin cooperar”. Para ilustrar esta idea, puxo como exemplo que “as persoas que queremos facer cohesión social desde a cultura presentamos multitude de proxectos na busca de financiamento, cadaquén na súa aldea, e pretendemos que nos dean o mesmo a todos”.

Xa pola tarde, o autor, director de escena e narrador oral Cándido Pazó ofreceu a contada “Traballar na cultura? Espera que che conto!”, onde ofreceu de xeito cómico vivencias propias como traballador cultural. A continuación abríronse mesas de conversas en formato horizontal, con grupos reducidos, nos que as persoas asistentes puideron compartir ideas, facer consultas e debater cuestións concretas arredor das temáticas: “O traballo público en cultura”, “O traballo privado en cultura”, “A activación de espazos e proxectos para unha creación cultural máis sustentable” e “O equilibrio entre os proxectos profesionais na cultura e uns proxectos de vida máis sustentables”.

Galerias de imaxes