“Mulleres que opinan”: máis perigosas e máis necesarias que nunca na “edición do reencontro”
Ata 18 xornalistas de referencia en toda España reúnense desde hoxe no Museo de Pontevedra para volver a denunciar a invisibilización das profesionais nos medios
10/06/2022
“Máis perigosas que nunca e, por elo, máis necesarias que nunca”. Xornalistas de todo o Estado reúnense desde hoxe no Museo de Pontevedra, de forma presencial despois do parón de dous anos pola pandemia, na V edición de “Mulleres que Opinan son Perigosas”, o foro da reivindicación que ten a esixencia e a valentía como sinais de identidade para denunciar a invisibilización das profesionais da opinión nos medios de comunicación. A “edición do reencontro”, como a denominan as súas promotoras, Susana Pedreira e Diana López, une esta fin de semana ata a 18 xornalistas de referencia que ata o sábado debaterán sobre as dificultades que aínda hoxe, “e incluso con risco de involución”, están a sufrir as profesionais para ser recoñecidas.
Na apertura do Congreso, apoiado pola Deputación e polo Concello de Pontevedra, Susana Pedreira e Diana López fixeron unha análise do panorama mediático para contextualizar a necesidade de “foros como este”. Pedreira presentou audios das principais tertulias e páxinas de opinión que poñen de manifesto que a presenza de mulleres xornalistas é residual. “Eu dicía que oxalá non tivera sentido facer un congreso como este, pero é evidente que debemos seguir organizándoo. Estamos aquí para que as que veñen detrás non teñan que comezar desde cero”. Pola súa banda, Diana López lamentouse de que “aínda sigamos instalados na retórica de que as mulleres opinan de cousas de mulleres e, polo tanto, soamente son lidas por mulleres. Agardo que igual que eu leo a homes, os homes lean as opinións de mulleres”.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou a súa “indignación” vendo o que acontece nos medios de comunicación. “Non chegamos ao 20% de mulleres opinando e as tertulias son masculinas, incluso cando se fala de ventres de alugueiro e de prostitución. Indígname, igual que me indigna ver como mulleres que opinan, cultísimas, que saben do que falan, son tratadas como putas no século XXI”. Carmela Silva lamentou “ter que chegar á páxina 13 para atopar nos xornais a unha muller empoderada, forte, ocupando espazo. Por iso enfádome. É intolerable. As mulleres falamos e opinamos marabillosamente ben sobre ciencia, deporte, cultura, medio ambiente, porque estamos moi formadas e temos moito talento”. Tamén asegurou que “avanzamos moi pouco e moi lento porque o poder establecido, o patriarcado tamén na comunicación, sabe que queremos ocupar a metade de todo e iso significa que os que hoxe ocupan o 80% van ter que deixar o 30% e por iso somos perigosas”.
Pola súa banda, o alcalde accidental de Pontevedra, Tino Fernández, remarcou a necesidade do congreso xa que “as resistencias cara vencer esa fenda entre homes e mulleres estanse a facer cada vez máis fortes”. Tamén subliñou a “facilidade coa que se crean noticias falsas que denigran a condición das mulleres” e asegurou que “é unha obriga pelexar contra isto e enfadarse, porque esta situación é insostible e inasumible para unha sociedade que se considera moderna”.
As protagonistas
A xornalista de Faro de Vigo Carolina Sertal abriu as conferencias da mañá para falar da perspectiva de xénero no xornalismo local e, para facelo, comparou dúas pezas sobre a escravitude sexual das mulleres, unha escrita por unha muller e outra por un home, que reflicten “como un mesmo tema se pode tratar dun xeito tan diferente. É cuestión de perspectiva feminista de xénero”. Neste senso, destacou que “os medios somos unha canle de transmisión de valores”, e preguntouse “por que o xornalismo social non pode abrir un xornal?” e subliñou que hai novas sobre temas que afectan a milleiros de mulleres como a endometrose, o aborto ou a violencia obstétrica dende un enfoque local que necesitan espazo. Tamén puxo o foco no machismo que viven as mulleres xornalistas, que se dá mesmo nas empresas con “acoso sexual ou laboral”, e da precariedade e dos “malabares” que teñen que facer as xornalistas que tamén son nais para poder conciliar.
As xornalistas Diana López Varela e María Varela e a escritora e articulista Inma López Silva fixeron balance da situación das mulleres “4 anos e unha pandemia” despois. As tres falaron da situación vivida durante o confinamento e recoñeceron que opinar publicamente neste momento está a ser máis complicado. Inma López Silva sinalou que “antes do 2018 opinar sobre feminismo eran aqueles artigos amables que sabía que ían ser acollidos desde o agradecemento”, mentres que agora están a recibir reaccións “desproporcionadas”: “As posicións polarizáronse dunha forma brutal desde 2018 e non é o mesmo opinar nin sobre feminismo nin totalitarismo hoxe que entón, e imos a peor”. María Varela subliñou que “hoxe escóitanse cousas que hai catro anos eran impensables e considerabamos debates superados, como a barbaridade de que a violencia de xénero non existe; cando hai 9 nenas menores de idade con protección policial na provincia por ameazas de parellas ou ex parellas. Que queiran ancorarnos en debates superados dá que pensar”. Pola súa banda, Diana López Varela recoñeceu que “é a primeira vez desde o 2012 en que non me atrevo a falar de todos os temas que se están a debater no feminismo”.
Almudena Sánchez, xornalista e escritora, autora de “Fármaco” afondou na depresión e enfermidades mentais “Sen tabús e con proximidade”. A xornalista, que comezou afirmando que a súa depresión tivo que ver “coa marxinalidade que sentín por ser nena e muller” e reivindicou a necesidade de que as nenas teñan mulleres referentes para rachar cos problemas mentais, relacionou o machismo coas enfermidades mentais, asegurando, entre outras cuestións, “que hai unha grande diferencia entre ser home e muller. Un home tolo pode ser un xenio creativo pero unha muller non”.
Finalmente a xornalista Paloma del Río, pioneira no periodismo deportivo en España, pechou a quenda da mañá falando de “Deporte feminino e olimpismo”. Comezou lembrando que se sentiu “estigmatizada” cando entrou por primeira vez nunha redacción de deportes e continuou facendo un repaso do papel da muller ao longo da historia neste eido, onde sempre estivo “nun segundo plano”. Referiuse a figuras como a de Pierre de Coubertin, creador dos Xogos Olímpicos modernos, ao que definiu como “un misóxino empedernido”, e a de Alice Milliat quen conseguiu que as mulleres entraran a participar nas olimpíadas. E falou do futuro das mulleres no deporte coa esperanza de que “nos Xogos de París se chegue á igualdade real” no número de participantes, así como do tratamento das deportistas nos medios de comunicación a día de hoxe que en ocasións “é unha auténtica vergoña”. “Fun e quero seguir a ser como unha gota malaya, non me cansarei de loitar pola igualdade real no deporte”, rematou.
O Programa
O congreso continuará esta tarde con outras tres charlas. Ás 17.15, a xornalista e politóloga Estefanía Molina, dará a súa visión da “Actualidade e análise política: éxitos, frustracións e expectativas”. Seguirá ás 18h a conferencia de “Arte, moda, feminismo e cultura: unha escritora de revista”, a cargo de Joana Bonet, xornalista e escritora. A última relatora da xornada, ás 19h, será a xornalista Mamen Mendizábal, que protagonizará “Un encontro moi esperado”, presentada por Ángeles Caballero.
“Mulleres que Opinan” seguirá na xornada de mañá sábado no Edificio Castelao do Museo. A partir das 12.00 h Marta Otero, falará de “Opinión local e de provincias. Non hai fronteiras”; ás 12.45 h a periodista Margaryta Yakovenko, protagonizará a charla “Desencaixada: nacer en Ucraína, ser migrante e xornalista en España”; e ás 13.30 h intervirá a xornalista Ángeles Caballero con “Ver, oír e calar”.
Pola tarde, estarán Marta García Aller, Fernanda Tabarés e Ana Pardo de Vera para falar do libro “4 anos e unha pandemia” (17 h); a xornalista de El País Luz Sánchez Mellado intervirá co relatorio “Columnas e entrevistas: opinión con mirada propia” (18h); e pechará o congreso a xornalista Mercedes Milá coa charla “Mila vs. Milá. Sen complexos nin etiquetas desde 1974”.