A Deputación lanza ‘Gravadas na memoria’, un proxecto audiovisual con testemuñas que viviron de preto a represión franquista

A deputada María Ortega destaca a necesidade de conservar as súas voces “porque a memoria é un patrimonio da humanidade”

03/02/2023

Gravadas na memoria

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Memoria Histórica, presentou hoxe o proxecto ‘Gravadas na memoria’, unha iniciativa que recolle en cinco pezas audiovisuais a testemuña de persoas que viviron moi de preto a represión franquista. Os vídeos –e tamén as pílulas de resumo- estarán dispoñibles a través da páxina web da Deputación de Pontevedra e divulgaranse entre os colectivos de memoria e os centros de ensino da provincia.

A deputada de Memoria María Ortega explica que o proxecto púxose en marcha porque pasadas case nove décadas do alzamento fascista xa é moi complicado atopar testemuñas directas .“Parecíanos vital que non se perdesen as súas voces. Temos claro que a memoria é patrimonio de toda a sociedade e as administración teñen a obriga de coidala, como calquera outro ben de interese xeral”, indicou.

As gravacións teñen unha duración aproximada de 50 minutos cada unha e permiten facer un percorrido pola memoria do tempo republicano, nomeadamente da escola, do golpe, ou da represión que chegou despois, tendo un protagonismo moi especial a illa de San Simón. Dáse voz a persoas de diferentes comarcas da provincia que no seu momento estiveron na illa visitando os seus familiares no tempo que foi cárcere e incluso se recollen as verbas da descendencia dun dos matrimonios que se forxou entre un preso e unha madriña.

Segundo insistiu Ortega, a Deputación quere que o Arquivo da Deputación se converta no grande lapis de memoria que recompile toda a memoria que fica aínda no ámbito familiar. “Non só documentos e fotos, tamén o propio relato que se non se recolle corre o perigo de perderse para sempre”, subliñou.

Neste sentido, lembrou que ‘Gravadas na memoria’ é a terceira pata dun proxecto de recuperación da memoria en primeira persoa que se completa coa edición de relatos autobiográficos como o de Mariví Villaverde, e co programa ‘Cae de caixón’ que recompila fotografías e documentación en mans de particulares para facelas públicas a través de Atopo, o buscador provincial. Ortega anunciou, así mesmo, que no primeiro mes de vida, ‘Cae de caixón’ contou xa coa participación dunha vintena de particulares ou organismos como o Instituto de Estudos Miñoráns, que doaron tanto documentos e fotos soltas como coleccións fotográficas e bibliográficas de grande importancia.

Unha iniciativa “urxentísima”

As responsables da recollida de información e de realizar as entrevistas coas persoas protagonistas dos vídeos foron Eva Mejuto (xunto a compañeiras da empresa ‘Capicúa’) e María Xesús López Escudeiro. Elas explicaron que facer o traballo de campo e poñer a andar esta iniciativa era un labor “urxentísimo” posto que  moitas das participantes eran persoas de moi avanzada idade, “material moi sensible”, sendo imposible falar con dúas das que estaba previsto: unha polo seu falecemento e outra por non estar en condicións para facer a gravación.

“É un tesouro, -os relatos- son parte da historia non contada, a que non está nos libros”, asegurou Mejuto, subliñando que todas as persoas protagonistas achegan as súas duras experiencias de vida, sobre como perderon persoas próximas pola súa loita e as súas ideas, “dende a xenerosidade, sen rancor ou ansia de vinganza (...). Todas queren transmitir unha mensaxe de esperanza, non de pesimismo, senón de coñecer para non repetir”.

Tamén sinalaron que os cinco audiovisuais amosan tamén fotos, cartas, obxectos importantes polo seu simbolismo que durante moito tempo tiveron que estar agochados como unha rebeldía, un acto de resistencia e dignidade, lembrando ás persoas represaliadas coas que estaban relacionadas. “Entón entraban nas casas e arrasaban con todo. –Os victimarios- Non querían deixar constancia da súa existencia –das persoas represaliadas-. Querían aniquilalas –incluso no seu recordo-“, destacaron as creadoras.

As persoas entrevistadas son orixinarias das comarcas de Vigo, Deza e Salnés. Una delas é Antonio Monroy, orfo de Adolfo Monroy Figueroa, veciño de Alcabre asasinado o 10 de novembro de 1936, que  aos seus 90 anos fala non só do seu pai senón tamén dos represores e da vida que levaron logo do asasinato a súa nai, Pepa Álvarez Quintas, e mais a descendencia da parella, que tiña nove crianzas. Segundo destacaron as autoras, a súa é a historia dunha infancia aniquilada, e de como estivo na emigración, volvendo para formar parte moi activa do movemento memorialista.

Outro dos protagonistas é Antonio Recuna, sobriño de Elpidio Villaverde, primeiro alcalde republicano de Vilagarcía, sendo el o primeiro alcalde democrático da cidade logo da morte de Franco. Lembra na peza audiovisual escenas de toda a súa familia represaliada, do cárcere que padeceron tíos e tías, e as súas visitas a San Simón, onde conseguiu un depuxo do Reisiño, o preso máis novo da illa.

A terceira das historias é a de Teresa e Bernardo Nores Blanco, os protagonistas máis novos de ‘Gravadas na memoria’. Eles narran como o seu pai, Joaquín Nores, e a súa nai, Teresa Blanco, coñecéronse cando el estaba preso en San Simón e ela ía á illa levar comida a un veciño de Calatayud, a cambio de que a familia deste atendese ao irmán de Teresa, preso alá. “Son persoas individuais que representan unha colectividade. Levan o xugo de ser persoas marcadas, e teñen orgullo e dignidade para compartir o seu relato coas novas xeracións”, aseguraron as autoras.

Carmen Castro Araújo, unha viguesa de cen anos, fai un repaso polo que foi o tempo republicano, sobre todo no referente ao ensino. Tamén fala do asasinato do seu tío Pepe, canteiro que construíu a Casa do Pobo e doutros vigueses como o alcalde, Emilio Martínez Garrido ou Heraclio Botana. Tamén fala da súa “adolescencia aniquilada” e como a súa familia se viu obrigada a deixar a cidade olívica para refuxiarse en Paredes (Vilaboa) logo do golpe.

Finalmente, Josefa Mojón, conta a historia do seu irmán, Antonio Mojón, mestre socialista da Cañiza asasinado o 31 de outubro de 1936. Lembra o que supuxo para a súa familia o asasinato e como iso non mermou o compromiso, senón que acendeu a militancia. Neste sentido, narra como mantiveron a lápida do irmá co texto “a guadaña segou a súa vida” a pesares das presións recibidas. Aínda hoxe, explica, “segue marcada” por ser unha activista da memoria.

Os tráilers dos documentais de ‘Gravadas na memoria’ están xa dispoñibles dende hoxe na web e na canle de Youtube da Deputación. A partires do vindeiro luns subirase de maneira individual un vídeo cada día, quedando a serie documental xa completa e a demanda o venres día 10.

Galerias de imagenes

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.