Agradecemento a Nieves Martínez, a primeira doante de fotografías de memoria histórica na campaña ‘Cae de Caixón’ da Deputación

A nacionalista María Ortega visitou hoxe á centenaria, quen no 1936 fora rapada como represalia ao seu pai republicano, para entregarlle un pendrive co seu fondo gráfico familiar xa dixitalizado

23/02/2023

A deputada provincial de Memoria Histórica María Ortega, acompañada da técnica Montse Fajardo, visitou hoxe a Nieves Martínez para agradecer a súa colaboración na campaña ‘Cae de Caixón’, un proxecto de recompilación de imaxes relacionadas coa memoria histórica na provincia. A muller, de 103 anos, foi a primeira persoa que –a través da súa filla- entregou as súas fotografías para incluílas no Arquivo Histórico e poñelas a disposición de persoas investigadoras a través do buscador AtoPO. Entre as cedidas, hai imaxes dela mesma cando era nena despois do golpe do 1936 rapada polos fascistas como represalia polas actividades do seu pai, concelleiro de ideas republicanas no Concello de Marín.

A deputada entregoulle a Nieves Martínez e ás súas fillas Emma e Alicia un pendrive con todas as fotografías  familiares cedidas en papel e agora xa dixitalizadas. Tamén lles entregou unha planta como agasallo e diverso material (publicacións, merchandising...) do departamento de Memoria Histórica. A familia, que estivera a buscar máis documentación, entregou hoxe tamén outras nove imaxes para ser dixitalizadas e incorporadas ao fondo.

Durante a conversa coa deputada e a técnica na visita de hoxe, a propia Nieves lembrou o momento da súa rapa –con 16 anos- e a da súa irmá, rodeadas de crianzas que miraban como lle cortaban o pelo e “dun soldado alemán” que facía brincadeiras. As fillas lembraron que eses feitos producíronse en represalia pola ideoloxía de seu pai, Modesto Martínez, concelleiro no 1931 en Marín. Entón el era responsable de cemiterios e ordenara retirar os crucifixos das lápidas –en función da lei republicana- e as velas con moito aceite porque supoñían un perigo.

Una vez feita a rapa, explicaron, a nai das nenas mandounas á casa duns familiares en Tui para que non sufrisen o escarnio na vila, e unha vez xa comezaba a medrar o cabelo, Nieves buscou un fotógrafo para que a retratase. Esa imaxe, xunto con outras do arquivo familiar, están xa na plataforma provincial AtoPO de consulta de fondos en liña.

A deputada María Ortega agradeceu á familia Martínez a súa colaboración. Destacou que a súa cesión foi a primeira de outras moitas que chegaron e coas que se está a traballar no Arquivo Provincial, como as da familia de Josefina Arruty e outras de persoas de diferentes puntos da provincia. “En breve faremos un balance da campaña ‘Cae de Caixón’, que está a dar moi bos resultados. Sabiamos que había alfaias de interese público que debían saír do caixón. Son fotografías familiares, pode que íntimas, pero para o resto da sociedade son parte da historia dun tempo que non podemos esquecer, por iso animamos a toda a cidadanía a que se ten algo semellante na casa o comparta con nós”.

A deputada lembrou, unha vez máis, que o obxectivo da Deputación é facer que o Arquivo Provincial, “se converta no grande lapis de memoria que recompile toda a memoria histórica que agora fica espallada nas casas e tamén nas institucións”. Todo o material que chega cedido, insistiu Ortega, só é utilizado por un pequeno espazo de tempo para dixitalizar no Arquivo e logo os orixinais devólvense acompañados por un lapis de memoria (USB) con todos os fondos tamén en formato dixital.

As persoas interesadas en facer unha cesión de fondos (poden ser fotografías, cartas, documentos...) poden contactar co Arquivo Provincial, enviando un mail a memoriahistorica@depo.gal ou poñéndose en contacto persoalmente co departamento de Memoria ou coa área de fondos audiovisuais, onde tamén se lles informará de todo e se concertará cita para unha primeira reunión co equipo.