Monteagudo: “Josefina Arruty é moi simbólica da loita e das circunstancias que pasaron moitas vítimas da represión franquista”

O salón de plenos do Pazo Provincial acolleu hoxe a presentación do libro ‘Vémonos mañá’ sobre a historia de Josefina Arruty e Bibiano F. Osorio-Tafall

14/02/2023

Presentación Monteagudo

O salón de plenos da Deputación de Pontevedra, escenario de moitas condenas franquistas, acolleu hoxe a presentación da vida novelada de Bibiano F. Osorio-Tafall, presidente provincial, alcalde de Pontevedra durante a II República e exiliado, e a de Josefina Arruty, a súa parella, quen estivo presa e en arresto domiciliario.

A súa historia chegou da man do libro ‘Vémonos mañá’, do autor Xosé Monteagudo, nun acto organizado pola Libraría Paz, a editorial Xerais, e o departamento de Memoria Histórica provincial no que participaron o propio autor, a deputada de Memoria Histórica María Ortega, a técnica de memoria e xornalista Montse Fajardo, o editor de Xerais Fran Alonso e o escritor Adolfo Caamaño.

A deputada nacionalista amosou a súa satisfacción porque o departamento que dirixe se estea a converter nun referente para as entidades e persoas que organizan actos de memoria. Destacou a importancia de que a memoria non só se dea a coñecer a través de lecturas académicas, senón tamén a través de novelas baseadas en feitos históricos como ‘Vémonos mañá’.

Neste sentido, subliñou que o libro aborda a realidade das mulleres que padeceron as consecuencias dobres da represión, o exilio, os asasinatos ou as torturas aos homes, xunto á súa propia. “É dabondo coñecido que ela –Josefina- estivo presa na actual Audiencia e tamén é coñecido que malia iso foi unha muller solidaria, que abriu o panteón familiar para dar acubillo a ducias de represaliados”.

Salientou, así mesmo, que se a historia de Josefina hoxe é accesible é grazas á existencia dunha política pública de memoria mantida por parte do Concello de Pontevedra, que fixo divulgación a través de libros, entrevistas en vídeo a familiares, ou cómics, e que tamén lle dedicou unha vía do rueiro da cidade. “É unha obriga das administracións públicas reparar o dano de tantas décadas de silencio ou, o que é peor, tantas décadas de sinalamento a Josefina”, salientou.

Nese senso, a deputada agradeceu á súa filla Carmiña que cedese todo o arquivo fotográfico do seu pai, que pode consultarse xa dixitalizado no Atopo e que, sen dúbida, “é unha xoia non só para coñecer mellor á parella senón tamén esa Pontevedra ilusionante que acolleu a Misión Biolóxica ou os faladoiros sobre o Estatuto. O pasado por vir que nós vindicamos”.

Pola súa banda, o propio Xosé Monteagudo coincidiu coa deputada en que Josefina Arruty foi símbolo do que viviron moitas mulleres durante o franquismo. “Matar aos homes -ou que tiveran que marchar ao exilio-, significaba que detrás había unhas mulleres que tiñan que seguir afrontando unha vida nunhas circunstancias nas que sufriron a represión e non se lles favorecía en nada. En silencio tiñan que seguir para adiante arrastrando moitas veces á familia. Ela –Josefina- é moi simbólica dese tipo de mulleres que tiveron que loitar en circunstancias moi difíciles e en silencio. Hai un heroísmo silencioso nela”, destacou . 

Monteagudo explicou que quixo levar adiante a historia da parella ao coñecer a súa historia confrontada, vista tanto dende a perspectiva dun Bibiano, que estivo no exilio entre certo luxo, e doutra, vivindo en Pontevedra con dificultades. “Aí saltou a chispa. Porque xuntar a un e a outro no mesmo relato é máis que a suma dos dous. A contraposición dálle unha maior dimensión”, explica, subliñando que a intención como escritor foi facer un exercicio de empatía e non posicionarse e salvar ou condenar aos personaxes, senón intentar expoñer os seus sentimentos e feitos para que sexa o público quen tome partido se o ten que facer.

O autor tamén destaca que a liña argumental da novela está dada pola realidade, aínda que parte dos feitos estean ficcionados. “Evidentemente non había testemuños de que pensaban ou sentían. Iso está na intuición do novelista. Hai pequenos episodios que son creación de quen escribe, pero que realzan e dan brillo á historia para que sexa máis comprensible”, subliña, ao tempo que asegura que sendo unha historia real no principal o de Josefina e Bibiano “é un caso no que a realidade supera a ficción”.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.